Traballadores/as das contratas municipais denuncian complicidade anti-obreira da alcaldía de Vigo

O pleno municipal foi suspendido polo alcalde Abel Caballero, que non quixo ouvir as demandas laborais
Traballadores e traballadoras das contratas do Concello de Vigo protestaron durante o pleno municipal deste luns en protesto pola pasividade e nula interlocución amosada polo goberno municipal nos diferentes conflitos laborais abertos nestas empresas. Desde a CIG-Servizos critican a dupla vara de medir do alcalde Abel Caballero (PSOE), que "mentres presume de xerar emprego e beneficiar os traballadores/as vigueses/as, a quen realmente premia é ás contratas que precarizan e despiden".
28/1/13.

O nivel de deterioro das relacións entre o colectivo de traballadores/as das contratas do Concello de Vigo e o goberno municipal está pronto a atinxir o límite do admisíbel, en opinión da CIG-Servizos. Despois de meses de compromisos incumpridos e conflitos latentes nas empresas suxeitas a concesión, e perante unha actitude de desprezo e falta de diálogo por parte da alcaldía, decidiron protestar durante o pleno no que se ían aprobar os orzamentos municipais.

"Viremos todas as veces que sexa oportuno até que o Concello deixe de amparar a precariedade e os despedimentos nas contratas", aseguran. María do Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos, criticou a actitude de Abel Caballero, que "reiteradamente se nega a dialogar cos traballadores/as dos distintos comités de empresa", unha postura que obriga a realizar protestos coma o de hoxe para tentaren ser ouvidos/as. "Este goberno leva meses facendo todo o contrario ao que predica", afirma a sindicalista, que denuncia tamén "o cada vez maior deterioro no emprego en todas as contratas municipais grazas á súa connivencia con certas empresas, que levan diminuido un 20% o prego de condicións de cada unha delas".

5 conflictos pendentes de resolver

Un dos colectivos afectados é o de traballadores/as do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) que viron diminuidos en 200 mil euros uns orzamentos que antes daban traballo a cinco vixiantes, agora despedidos, e mais a cinco limpadoras, reducidas a dúas sen xornada completa. "A continuidade do Marco están en serio perigo se non se corrixen estes recortes", segundo a CIG-Servizos, que protestou o venres pasado no pleno da Deputación de Pontevedra, á que responsabiliza xunto ao Concello de Vigo polos recortes.

Instituto Municipal do Deporte

Nas próximas datas terá lugar o xuízo polo despedimento de 11 traballadores/as do Instituto Municipal dos Deportes (IMD), que na opinión da federación poderían ser declarados improcedentes e obrigar a desembolsar ao Concello 200 mil euros en conceito de indemnizacións. María do Tránsito citou, ademais, o precedente do despedimento improcedente dunha traballadora con contrato de relevo á que o TSXG acaba de dar a razón.

Contrata da recollida do lixo e xardíns

A contrata que ocupa o servizo de recollida do lixo, FCC, entrará proximamente en periodo de negociacións para o convenio colectivo, un proceso que na opinión da federación vai resultar conflitivo perante as regresións que pretende a empresa. No tocante á CESPA (xardíns), denuncian "recortes de todo tipo", tanto na contratación como en complementos, así como nas substitucións de subrogados/as.

Linorsa e dependencias municipais

As dependencias municipais seguen polo momento sen contrata, á espera de que se resolva o concurso. Segundo María do Tránsito, existe o perigo de que a empresa con maior puntuación "non subrogue a totalidade de traballadores/as do servizo, xa que o informe técnico apresentado "contempla só 72 de de 102 actuais". A respeito da limpeza dos colexios públicos, cuxa concesión recae en Linorsa, continúa a represión laboral a delegadas da CIG e fica aínda latente o conflito polo despedimento dunha compañeira nun dos conflitos sindicais máis prolongados dos últimos anos en Vigo.

Aumento do fondo social para traballadores/as municipais

O protesto chega, paradoxalmente, o mesmo día no que o pleno aproba a petición do BNG de aumentar o fundo social en 300 mil euros como contraprestación á perda de poder adquisitivo dos asalariados/as municipais após os continuos retallamentos e a supresión da paga extra de nadal. A súa portavoz, Iolanda Veloso, criticou a "falta de entendemento do goberno municipal cos traballadores/as afectados" e emprazou o alcalde a "ouvir as súas demandas e atopar solucións".

As contratas, unha fórmula neoliberal en discusión

As contratas municipais supoñen fórmulas de xestión privada de servizos que, por normal xeral, eran asumidos con anterioridade polos propios concellos. Esta metodoloxía, filla da doutrina neoliberal, teoriza un suposto aforro para as arcas municipais a partir da contratación de empresas privadas en base á "libre concorrencia", un feito que ademais "estimularía o crecemento económico do sector privado".

Porén, a realidade é ben outra: o traballo público muitas veces mellor remunerado é substituido pola precariedade máis absoluta e os concellos prefiren a contrata para adelgazar as plantillas e por tanto, as partidas de gasto corrente, tentando eliminar, de paso, determinados conflitos laborais. As contratas son ademais, en moitos casos, berce da corrupción e parasitismo respeito ao sector público, como teñen evidenciado os numerosos casos que ultimamente veñen ocupando as capas dos xornais.

Supoñen, tamén, unha vía de trasvase de rendas do traballo a rendas do capital vía impostos. Este procedimento intensifícase en periodos de crise coma o atual, no que o sector privado tenta fagocitar cada vez máis porcentaxe do sector público para tentar paliar a queda da taxa media de lucro.