Caballero tenta calar as demandas dos operarios/as das contratas, negándolles a entrada ao pleno

A pesar de que durante a mañá puideron acceder ao salón de plenos, un decreto non publicado impediu que entrasen á tarde
Traballadores/as e delegados/as da CIG-Servizos nas diferentes contratas municipais seguen a demandar solucións por parte do concello de Abel Caballero no tocante ás diferentes problemáticas de precarización, despedimentos e abusos que se veñen incrementando nos últimos tempos. Fronte a negativa da alcaldía a escoitar sequera as reivindicacións, decidiron protestar de novo durante o pleno no que se ían aprobar os orzamentos municipais.
30/1/13.

Mais unha vez, as traballadoras e traballadores vense na obriga de realizaren accións reivindicativas para tentar frear os continuos abusos das diferentes contratas municipais de Vigo, que contan coa "complicidade do goberno de Caballero", segundo a CIG-Servizos. As problemáticas do museo Marco, de Linorsa, do Instituto Municipal do Deporte, da contrata do lixo FCC ou de xardíns, CESPA, seguen a ser obviadas polo alcalde, o cal non deixa máis remedio á militancia da CIG que levar a cabo protestos que logren visibilizar os diferentes conflitos.

Depois da suspensión do pleno do luns, acudiron este mércores á reanudación do mesmo co obxectivo de seren ouvidos/as. Porén, a calada por resposta e os posteriores berros e cartaces despregados na sala motivaron unha nova interrupción. "Contratas, de Vigo, solución" ou "non á represión" foron algunhas das palabras de orde que se puideron ouvir nas dependencias municipais.

Caballero ensaiou durante a mañá a táctica do cansazo, agardando, quizais, que a militancia da CIG depuxese a súa actitude combativa e abandonase o edificio do Concello. "Se vamos aos baños, a policía néganos a reincorporación na sala", queixábanse algúns dos traballadores/as. Porén, o presidente municipal decidiu aprazar até as 16 horas a convocatoria.

No pleno da tarde a policía impediu o ingreso dos traballadores/as 

Na reanudación do pleno un dispositivo policial aplicou a dupla vara de medir do alcalde, permitindo o acesso dun grupo de persoas mais negándollo aos operarios/as das contratas, vivíndose algúns momentos de tensión diante do cordón policial. "O Concello manexa unha lista negra", declara Xusto Fernández, da CIG-Servizos de Vigo, para quen o veto imposto constitúe un "atentado á democracia". "Este pleno é unha demostración máis das actitudes deste alcalde", engade. Desde a central nacionalista denuncian que a policía local alegou a existencia dun decreto asinado polo rexedor para xustificar o veto, aínda que niguén foi capaz de llelo ensinar.

Aínda que só dous dos manifestantes lograron entrar de novo no pleno, grazas á intermediación do grupo do BNG, o groso do grupo foi obrigado a permanecer no exterior do edificio consistorial, desde onde dirixían proclamas cara o primeiro andar, á sala onde finalmente se aprobaron os orzamentos municipais. A pesar da imposibilidade de entraren de novo ao pleno, a actitude non foi nen moito menos derrotista.

Os e as traballadores/as das contratas de Vigo, que xa teñen protagonizado algúns do conflictos máis duros das últimas décadas na cidade, saben que só mediante a mobilización constante e a firmeza nas demandas lograrán avanzar. E aínda que sexa ben coñecida a actitude autoritaria e a connivencia con determinadas empresas do alcalde de Vigo, é seguro que voltará atopar en breve aos traballadores/as se non rectifica e preme as empresas que reprimen, despiden e precarizan.

Galería de imaxes