A CIG-Compostela leva ao Valedor a supresión da paga extra de Nadal ao persoal de limpeza do CHUS

Pola información que ten a central sindical, a xerencia do hospital non descontou á concesionaria Clece esa cantidade
A CIG de Compostela vén de presentar unha queixa perante o Valedor do Pobo para solicitar desta institución que vele polos dereitos de máis de 350 traballadores/as do servizo de limpeza do CHUS e reclamar o aboamento da paga extraordinaria de Nadal que lle foi suprimida. A empresa concesionaria, Clece, aplicou esta medida amparándose no decreto 20/2012 e a CIG denuncia que a administración non lle descontou a contía correspondente á mesma, co que tería quedado con eses cartos a propia empresa.
30/1/13.

Clece, a empresa concesionaria do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, suprimiu o pasado decembro a paga extra de Nadal de 2012 de máis de 350 traballadores/as, amparándose no Real Decreto-Lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade”, aplicábel ao persoal das administracións públicas.

A CIG denuncia que esa medida non era, xa que logo, de aplicación a traballadoras/es de empresas privadas; que non se pode sustentar alegando o citado decreto e que a decisión unilateral de Clece de aplicarlla ao seu persoal “supón unha discriminación para co resto de traballadores/as de empresas privadas” que si a percibiron.

Anxo Noceda, secretario comarcal, denuncia que “polo que nós sabemos, en ningún momento a Xerencia do CHUS procedeu a detraer dos abonos a Clece S.A. o importe correspondente á paga extra”. Entende que a merma de retribucións das traballadoras e traballadores “só vai servir para un maior enriquecemento da empresa adxudicataria” e demanda que lles sexa de inmediato abonada.

O escrito presentado conclúe solicitando que se por parte da institución se apreciase dos feitos calquera indicio de delito ou ilegalidade “se actúe nos termos estabelecidos na lexislación reguladora desa institución”.