A CIG-Servizos exixe que se anulen os concursos de limpeza de Santiago e que se reinicie o procedemento

Concentráronse esta mañá para denunciar as irregularidades que presenta e demandar que se racionalice o proceso
A CIG-Servizos convocaba este venres unha concentración diante do concello de Santiago, na Praza do Obradoiro, para demandar que se anule o concurso de limpeza de edificios e dependencias municipais así como o das garderías, dadas as numerosas irregularidades administrativas, laborais e penais que rodean a estas contratas. Demandan reinicialo de forma que abranguera todo o servizo, especificando o número de horas necesarias para a súa correcta atención.
01/2/13.

" Está máis que acreditado que aquí hai un cúmulo de irregularidades, non só do punto de vista laboral, coa redución encuberta que se pretende facer da limpeza, senón tamén administrativas, pola dispersión en diferentes contratos dos locais dependentes do concello de Compostela e a maiores, porque tamén ten unhas consecuencias penais derivadas que demostran que non estamos diante do procedemento máis adecuado”. Así de contundente se amosaba o secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, quen cualificou o procedemento aberto como unha “chapuza”.

Rubido defendeu racionalizar, desde o principio, e reiniciar o concurso, para que sexa único para todo o servizo de limpeza de todas as instalacións do concello e que se adecúen as horas previstas para o desenvolvemento desta actividade ás xornadas que actualmente existen. “No actual concurso, non se especifican as horas e déixaselles plena liberdade ás empresas para que sexan quen determinen as horas de limpeza que son necesarias”, denuncia.

Por parte do concello o que se fixo foi deslindar determinados centros “sen xustificación administrativa de ningún tipo”, explica Rubido, “para que teñan unha contía inferior a que permite a lei para poder realizar a adxudicación directa”. Unha práctica administrativa que pon en cuestión “xa non diría por que é sospeitosa, senón moi pouco recomendábel” o proceso de licitación, que permitiría ao concello se quixera, retirar do concurso algunha das partes, porque non está finalizado, e iniciar un novo procedemento para facer unha concesión directa.

Hai unhas semanas a CIG-Servizos, tras se publicar no BOP o anuncio para a contratación da limpeza, xa denunciaba as irregularidades que rodean a esta concesión. Ante isto dirixiuse ao alcalde, á concelleira de Réxime Interior e Persoal e á Mesa de Contratación do Servizo de limpeza dos Edificios e Dependencias do concello para manifestar a sorpresa causada polo feito de que non se estabeleza un número mínimo de horas de limpeza a realizar pola empresa contratada e que, ademais, se outorguen até 15 puntos á menor proposta económica ofertada.

No sector da limpeza, o principal custe dunha empresa é a man de obra e, polo tanto, o número de horas efectivas de limpeza. A CIG-Servizos denunciaba que isto podía provocar a presentación de ofertas con valores “anormais ou desproporcionados” e que non se estabelecían mecanismos de control, tal e como prevé a Lei de Contratos das Administracións Públicas. Advertía ademais que detrás podíase agochar a intención de reducir o persoal, malia teren subrogación.

Do mesmo xeito, denunciouse que o concello iniciou expedientes administrativos diferentes. Un vinculado ao servizo de limpeza dos edificios e dependencias do concello, no que se inclúen 3 centros dependentes da concellaría de Educación, nomeadamente as escolas infantís de San Roque, Tras Parlamento e Polígono do Tambre e outro vinculado co servizo de limpeza, no que estarían incluídos tamén o resto de centros de ensino. Aínda habería outro máis no que está, por separado, só a escola infantil de Salgueiriños.