O Comité de Nostián explica a situación dos vertidos a entidades veciñais, políticas e sindicais

A representación do persoal reclama que se tomen as medidas pertinentes para evitar que se repitan novos verquidos
O Comité de Albada realizou este venres unha convocatoria aberta á representantes de formacións políticas municipais, asociacións veciñas, organizacións sociais e sindicais co obxecto de explicar “in situ” os vertidos que se rexistraron na planta de Nostián os días 18, 19 e 20 de xaneiro, tras o desbordamento da balsa de lixiviados, e as condicións nas que se atopan as instalacións. Ao inicio da acción foron identificados pola policía local varios membros do Comité, da CIG e do BNG.
01/2/13.

O Presidente do Comité de empresa, José Manuel Vilariño, volveu reclamar a implicación das autoridades competentes, de cara a esixirlle á empresa que aplique todas as medidas necesarias para evitar que se poidan producir novos verquidos ao mar e garantir as condicións de seguridade dos traballadores/as da planta de tratamento de residuos de Nostián.

“Non é só o que pasa exteriormente, senón que tamén temos as naves inundadas en lixiviados e isto supón un grave risco para a saúde dos traballadores porque están en contacto continuo con estes residuos”, denunciaba Vilariño. A este respecto, matizou que incluso o persoal das empresas externas se ve sometido a este perigo, xa que a pesar de estar en contacto cos lixiviados non teñen un lugar onde asearse nin mudar a roupa manchada de residuos.

Ás portas da planta, o Presidente do Comité ensinou unha das “medidas” que a empresa ten adoptado dende que se fixo público a existencia do verquido. Esta medida, informou, consistiu no reforzo do valado de contención da saída de pluviais ao exterior, pero “nós entendemos que isto non é suficiente”. “O problema non está aquí, o problema está dentro das instalacións que se teñen que acondicionar correctamente”.

Vilariño asegurou que dende o Comité instaron á empresa a que deixase acceder ás instalacións á prensa para mostrar a balsa de lixiviados, xa que “cada vez que hai chuvias fortes prodúcese un desbordamento da mesma”. Sobre a situación da balsa, aclarou que esta foi feita para un só vaso, pero posteriormente se construíu un vaso co dobre de capacidade e a balsa non da contido todo o volume de residuos, que en vez de ir parar a depuradora van parar ao mar.

“Ampliar a capacidade da balsa sería unha das medidas a ter en conta, pero tamén a limpeza integral das instalacións. Os traballadores non poden estar en contacto cos lixiviados”, denuncia. Neste liña indicou que nos últimos días a empresa ordenou o baleiramento dos lixiviados e aínda que a situación ten mellorado algo, precisou que sería necesaria unha reforma das instalacións para que estas inundacións e desbordamentos non se repitan.