Inícianse mobilizacións contra os despedimentos e as modificacións dos horarios en Vegalsa-Eroski

CIG-Servizos denuncia que a empresa non estabelece un sistema de rexistro de xornada laboral para evitar pagar horas extra
Traballadores/as de Vegalsa-Eroski iniciaron este venres o calendario de mobilizacións para denunciar os masivos despedimentos que está a executar a empresa e as modificacións arbitrarias dos horarios do persoal. A concentración, convocada por CIG-Servizos e CCOO, realizouse diante do supermercado de Eroski da Avenida de Fisterra, na Coruña.
08/2/13.

O Secretario de Organización da CIG-Servizos, Adolfo Naya, explicaba que no último mes se teñen producido numerosos despedimentos sen ningún tipo de motivación, que a empresa, ademais, pretende executar como despedimentos procedentes e polo tanto dun xeito barato e sen ter que facer fronte ás indemnizacións.

Co protesta tamén se queren denunciar as modificacións arbitrarias que impón Eroski-Familia nos horarios dos traballadores/as, que ademais, a estas alturas do ano, aínda non teñen concretado o calendario anual de 2013. Esta situación vese agravada porque a empresa se nega a estabelecer un sistema de rexistro de xornada laboral –tal e como marca a lei- para deste xeito “poder mover os horarios e non devolver a maioría das horas extraordinarias realizadas”.

“A empresa modifica os horarios, non estabelece os calendarios e os traballadores e traballadoras teñen rematar a súa xornada laboral cando cadra”, criticou Naya, ao tempo que matizaba que a Inspección de Traballo xa impuxo unha sanción grave por este motivo, mais a empresa continúa sen rectificar as súas actitudes.

A “ditadura empresarial” aplicada por Vegalsa-Eroski contrasta co volume de beneficios rexistrados polo grupo en Galiza (18,65 millóns de euros no último exercicio publicado), mentres que os traballadores/as cobran entre un 10% e un 15% menos que noutras empresas do sector.

O persoal continuará as mobilizacións o próximo luns en Ferrol, cunha concentración ás 12:00 horas diante do Eroski da rúa Pontevedra.