A CIG-Servizos manifesta o seu rexeitamento ao convenio da limpeza asinado por CCOO e UGT

Contempla un incremento salarial do 0% para 2011; do 0% para 2012; do 0,8% para 2013 e do 1% para 2014
A CIG-Servizos vén de expresar o seu rexeitamento ao convenio do sector de limpeza de edificios e locais da Coruña asinado por CCOO e UGT, que supón aceitar un acordo que contempla condicións salariais mesmo inferiores á peor das propostas presentadas con anterioridade pola patronal e que estas mesmas centrais sindicais se negaron a asinar, no seu momento, chegando a convocar mobilizacións para demandar melloras.
11/2/13.

O secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido lembra que o convenio de limpeza de locais e edificios da provincia da Coruña estaba bloqueado desde o ano 2011. Logo de case dous anos de negociación e vistas as propostas que estaba presentado a patronal  de practicamente conxelación salarial comezaron as mobilizacións a raíz das que a patronal presentou unha proposta de convenio colectivo que permitía a cobertura de vacantes con prioridade para as traballadoras que viran reducida a súa xornada nos últimos 5 anos. “Até ese momento a empresa podía contratar a quen quixera pero agora, antes de contratar a ninguén tería que ofertar esas prazas seguindo un criterio que prioriza á xente que perdeu horas ou que está a tempo parcial”, explica.

Ese foi un dos aspectos nos que a CIG fixo máis fincapé. Canto á oferta de incremento salarial a patronal ofrecían a conxelación para 2011; un incremento do 1,3 para 2012 e do 1,1 para 2013. “Malia ser un incremento salarial moi cativo, que a CIG consideraba insuficiente porque estaba por debaixo do IPC, supuña un avance no relativo ás vacantes e permitiría rematar o período cun incremento salarial do 3,9%, ao haber un incremento dun 2,4% anterior máis un 1,5% dunha revisión salarial do convenio anterior”.

O problema é que a patronal estatal, en outubro de 2012, dixo que non a esa proposta e que só asinaría en valores do Acordo Nacional de Negociación Colectiva, que limitaba os incrementos ao 0,5% e 0,6%.  CIG, CCOO e UGT acordaron que era insuficiente e decidiron, entre as tres centrais sindicais, un calendario de mobilizacións, con concentracións, manifestacións, e actos de protesta nos principais clientes, nomeadamente centros comerciais.

Rubido explica que a semana pasada a patronal convocou á parte social e que CCOO e UGT xa querían desconvocar as mobilizacións previstas para o venres pasado nas Cancelas, que se mantiveron por empeño da CIG, “por dignidade”, matiza. Na mesa de negociación a patronal fixo unha proposta que finalmente quedou cun incremento salarial do 0% para 2011; do 0% para 2012; do 0,8% para 2013 e do 1% para 2014.

“Curiosamente estes sindicatos que no seu día se aviñeron a mobilizarse coa CIG para manter un mínimo e que non estiveramos nun escenario de conxelación salarial asinaron isto, que como se pode comprobar é inferior á peor das propostas que non quixemos aceptar a aquela altura”, denuncia o secretario nacional da CIG-Servizos.

Para Rubido, xa non é só que se quede lonxe da proposta que fixo a patronal de limpeza provincial senón da que presentou a patronal estatal, que limitaba os incrementos ao 0,5 e 0,6. “Rematabas o 2013 cun incremento do 1,1 que é superior ao 0,8%, entón podían ter asinado daquela no canto de iniciar mobilizacións”.

Ante este panorama, o secretario nacional de CIG-Servizos fai un chamamento ao sector a reflexionar “sobre o modelo sindical que se está seguindo” e sobre como afrontar a negociación dos convenios porque “non podes ficar parado ante esta perda de dereitos salariais”. Denuncia ademais o “tremendo” que é que se inicien mobilizacións e “logo se asine por menos do que non quixeches asinar no seu día. Menos do que puxeron enriba da mesa desde a propia patronal”.