CIG, CCOO e UGT farán asembleas sobre as propostas da patronal do comercio de alimentación

Os sindicatos barallan organizar mobilizacións para rexeitar a precarización das condicións laborais unha vez decaia o convenio
Os sindicatos CIG, CCOO e UGT, presentes na mesa de negociación do convenio do comercio de alimentación, convocarán asembleas este domingo para informar os traballadores/as da provincia de Pontevedra sobre as propostas “inasumíbeis” da patronal. As centrais barallan organizar mobilizacións para denunciar que as principais empresas do sector están a alongar as conversas co obxectivo de que decaia o actual convenio e pasar deste xeito ao Estatuto dos Traballadores.
13/2/13.

Representantes sindicais dos tres sindicatos maioritarios compareceron en rolda de prensa en Vigo este mediodía para comunicar a súa decisión de levantarse da mesa de negociación do convenio -que afecta a máis de 15.000 empregados/as en toda a provincia- tras a proposta da patronal.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, explicou que, entre outras cousas, as empresas pretenden que o acordo teña vixencia até o 2015; eliminar a promoción interna e modificar as categorías profesionais; eliminar limitacións na contratación; instaurar a xornada de luns a domingo; eliminar un día de vacacións; cambiar as horas extra por tempo de descanso; que os catro días de asuntos propios pasen a ser recuperábeis; cambiar as compensacións por mobilidade xeográfica; ou eliminar complementos como nocturnidade ou antigüidade.

Estas medidas supoñen unha importante perda de poder adquisitivo, xa que a proposta da patronal pasa por non incrementar os salarios. “Ante esta agresión tan brutal de perda de dereitos laborais e económicos non podemos quedar calados/as”, polo que chaman os traballadores/as do sector a participar nas asembleas informativas que se celebrarán este domingo día 17: unha en Vigo, no local da CIG ás 11.30 horas; e a outra en Pontevedra, nos locais sindicais da rúa Pasantería, ás 11.30 horas.

Segundo manifestaron os representantes sindicais, nestas xuntanzas aproveitarán para pulsar a opinión dos afectados/as e decidiranse as vindeiras accións a desenvolver. Neste senso, aseguraron que a patronal non tería accedido a convocar a mesa de negociación de non ser polas protestas organizadas en decembro “xa que o que pretenden é que cheguemos a xullo sen convenio, que é cando decae o actual, para que as condicións laborais sexan reguladas polo Estatuto dos Traballadores”.

Finalmente, lembraron que o sector da alimentación non se atopa en crise e que as principais empresas (Froiz, Gadis, Moldes, Lidl, Hiperxel, etc) seguen a ter beneficios e vincularon a proposta da patronal coa recentemente aprobada Lei do Comercio e Galiza que amplía o horario dos grandes establecementos.