Adíase a celebración na Audiencia Nacional do xuízo por conflito colectivo en La Voz de Galicia

Ás 9:05 horas do 19 de marzo terá lugar o acto de conciliación e ás 10:00 horas celebrarase a vista se non hai acordo
A sección sindical da CIG informa de que a instancias da parte empresarial a Audiencia Nacional decidiu suspender os actos de conciliación e posterior xuízo en materia de Conflito Colectivo que o Comité Intercentros ten interposto contra La Voz de Galicia S.A. e que estaban previstos inicialmente para o próximo día 28 de febreiro. Da mesma maneira acordou fixar novo sinalamento para o día 19 de marzo de 2013 ás 9.05, para o acto de conciliación e, de non haber acordo, ás 10.00 para a celebración do correspondente xuízo.
14/2/13.

A decisión adóptase tomando en consideración a solicitude da avogada contratada pola parte empresarial ao ter outro sinalamento para o mesmo día 28 na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

A demanda baséase na decisión unilateral de La Voz de Galicia de variar o cómputo do descanso compensatorio por traballar os días festivos e presentouse logo de que o comité intentase, infrutuosamente, chegar a un acordo a través da Comisión Paritaria do Convenio, mesmo recorrendo ao AGA para solicitar un mediador.

Os representantes do medio de comunicación negáronse tamén, segundo informou a sección sindical da CIG de La Voz de Galicia, a someterse a tales mecanismos de conciliación, polo que “a última vía que se lle deixa ao Comité Intercentros para defender o pactado no convenio colectivo é, unha vez máis, acudir á xustiza”.