A Inspección de Traballo require a Albada para que corrixa a presenza de lixiviados nos postos de traballo

O requirimento chega tras a denuncia do Comité sobre as deficiencias en materia de seguridade e saúde na planta de Nostián
O Comité de empresa de Albada vén de informar que a Inspección de Traballo fixo un requirimento á dirección da empresa para que corrixa todas as anomalías que propoña a representación do persoal en cuestións que afectan á seguridade e saúde nos postos de traballo da Planta de Tratamento de Residuos Sólidos de Nostián.
14/2/13.

Este requirimento, explica o Presidente do Comité, José Manuel Vilariño, chega logo da reunión mantida na Inspección de Traballo o pasado día 11 de febreiro, co obxectivo de abordar os problemas e riscos existentes en distintos postos de traballo, por mor da presenza de lixiviados nas instalacións. 

A este respecto, dende o Comité denunciaron que a dirección da empresa xa ameazou a varios traballadores/as e membros do Comité, dende que se fixo público o vertido de lixiviados ao exterior da planta de Nostián.

Así mesmo, o Comité informou que o próximo luns 18 de febreiro vai presentar unha demanda diante da Fiscalía por todo o acontecido tras o vertido de lixiviados, co obxectivo de que se “actúe en consecuencia, por se se producise algún posíbel delito ecolóxico ou contra o medioambiente”. Neste senso, confirmaron que o Comité recolleu probas diversas que verifican que o vertido de lixiviados se verteu directamente ao mar.