A CIG-Servizos demanda a paralización das contratas municipais ante a situación do concello de Santiago

Persoal de ISS e de Sermasa concentrouse na Praza do Obradoiro
Persoal de ISS e de Sermasa concentrouse este luns diante do concello de Santiago, na praza do Obradoiro, para exixir a paralización de todas as contratas municipais e a revisión de todos os concursos convocados, dadas as abondosas irregularidades que se están detectando no concello de Santiago e as actuacións xudiciais que afectan a membros do goberno local, do Partido Popular.
18/2/13.

A CIG-Servizos lembra que están pendentes as concesións das garderías, da limpeza de edificios e locais e das instalacións deportivas municipais e demanda a anulación destes concursos dadas as numerosas irregularidades administrativas, laborais e penais que rodean a estas contratas.

A federación ten denunciado que “está máis que acreditado que aquí hai un cúmulo de irregularidades, non só do punto de vista laboral, coa redución encuberta que se pretende facer da limpeza, senón tamén administrativas, pola dispersión en diferentes contratos dos locais dependentes do concello de Compostela e a maiores, porque tamén ten unhas consecuencias penais derivadas que demostran que non estamos diante do procedemento máis adecuado”.

Defende racionalizar, desde o principio, e reiniciar o concurso, para que sexa único para todo o servizo de limpeza de todas as instalacións do concello e que se adecúen as horas previstas para o desenvolvemento desta actividade ás xornadas que actualmente existen. “No actual concurso, non se especifican as horas e déixaselles plena liberdade ás empresas para que sexan quen determinen as horas de limpeza que son necesarias”, denuncia.

Por parte do concello o que se fixo foi deslindar determinados centros “sen xustificación administrativa de ningún tipo para que teñan unha contía inferior a que permite a lei para poder realizar a adxudicación directa”.

Hai unhas semanas a CIG-Servizos, tras se publicar no BOP o anuncio para a contratación da limpeza, xa denunciaba as irregularidades que rodean a esta concesión. Ante isto dirixiuse ao alcalde, á concelleira de Réxime Interior e Persoal e á Mesa de Contratación do Servizo de limpeza dos Edificios e Dependencias do concello para manifestar a sorpresa causada polo feito de que non se estabeleza un número mínimo de horas de limpeza a realizar pola empresa contratada e que, ademais, se outorguen até 15 puntos á menor proposta económica ofertada.

No sector da limpeza, o principal custe dunha empresa é a man de obra e, polo tanto, o número de horas efectivas de limpeza. A CIG-Servizos denunciou que isto podía provocar a presentación de ofertas con valores “anormais ou desproporcionados” e que non se estabelecían mecanismos de control, tal e como prevé a Lei de Contratos das Administracións Públicas. Advertía ademais que detrás podíase agochar a intención de reducir o persoal, malia teren subrogación.