O comercio de alimentación da provincia de Pontevedra convocará folga en Semana Santa

Máis de 500 empregadas/os do sector participaron nas asembleas convocadas para informar sobre as negociacións do convenio
Os traballadores/as do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra non descartan convocar unha folga en Semana Santa se a patronal non acepta retirar de enriba da mesa as propostas que inciden na precarización das condicións laborais. A decisión foi adoptada en asemblea polas máis de 500 empregadas/os que acudiron á chamada das centrais sindicais
20/2/13.

Nas asembleas, celebradas en Vigo e Pontevedra o pasado domingo dia 17 de febreiro e nas que participaron máis de 500 traballadores/as do sector do comercio de alimentación, os representantes sindicais da CIG, CCOO e UGT deron conta da situación na que se atopan as negociacións do convenio colectivo polo que se rexen unhas 14.000 persoas en toda a provincia. 

Segundo explicaron dende a CIG-Servizos, as traballadoras/es do sector foron informados das pretensións da patronal, “que única e exclusivamente pretende eliminar todas as melloras do convenio, deixándoo tal e como está o Estatuto dos Traballadores”.

Diante disto, os afectados adoptaron a decisión de retomar as negociacións cos empresarios para reclamarlles a retirada de todos os artigos do acordo laboral que queren modificar. Do contrario, anuncian a convocatoria de mobilizacións, entre as que barallan unha folga coincidindo coa Semana Santa. Esta posibilidade será debatida en asemblea no mes de marzo.