O Comité de Albada denuncia sancións e ameazas da empresa a varios traballadores/as

O persoal relaciona a actitude da dirección coa denuncia de vertidos na planta de tratamento de residuos
O Comité de Empresa de Albada (que ten a concesión da Planta de Tratamento de Residuos Sólidos Urbanos da Coruña) vén de denunciar que a empresa comezou a sancionar e ameazar a varios traballadores/as, despois de que o Comité fixera público o vertido de lixiviados rexistrado nas instalacións o pasado mes de xaneiro.
22/2/13.

A representación do persoal asegurou que cando menos 20 traballadores que operan dentro das instalacións están en situación de IT, pero a dirección da empresa non está a cubrir esas baixas con novas contratacións. “Esta situación fai que o funcionamento das instalacións sexa moi malo e vai en detrimento da reciclaxe e da limpeza das mesmas”, subliñou José Manuel Vilariño, quen matizou que o Comité tamén vai presentar denuncia por estes feitos diante dos organismos competentes na materia.

Dende o Comité aseguraron tamén que a dirección da empresa está a facer discriminación con varios traballadores/as, xa que tendo a mesma categoría e igual posto de traballos, existe unha diferenza salarial que chega até os 800 euros. “Este Comité denunciará estes feitos no xulgado correspondente, xa que entendemos que é unha discriminación e un abuso de autoridade por parte da dirección da empresa de cara a varios traballadores”.

Por todos estes feitos, a representación do persoal adiantou que continuará formulando as  denuncias pertinentes, “mentres que a dirección da empresa siga nesta actitude de presión cara os traballadores/as e non corrixa estes feitos e outros que se puidesen producir”.