Inícianse mobilizacións en La Voz de Galicia diante da Plataforma de Negociación presentada pola empresa

A sección sindical da CIG denuncia que a dirección pretende vulnerar o convenio a base de ameazas
O pasado luns día 18 de febreiro a dirección de La Voz de Galicia presentaba ao Comité Intercentros unha "Plataforma de Negociación" que pretende unha redución de salario do 12,5% e a ruptura do compromiso de mantemento do emprego estabelecido no convenio vixente. Ante isto, máis de 160 traballadores/as das distintas delegacións reuníanse en asemblea este domingo para valorar unha proposta que a sección sindical da CIG denuncia que está “inzada de ameazas e ilegalidades”. Ao seu remate concentráronse diante da antiga sede de La Voz de Galicia en Catro Camiños.
25/2/13.

A "plataforma" ven precedida dun preámbulo que, segundo informa a sección sindical, está inzado de ameazas e gabanzas á "sociedade editora". De feito, recolle que "Grazas á iniciativa persoal do Editor de aportar fondos a través dun préstamo participativo, á operación de dilución en Medios Audiovisuais de Galiza e á obtención de novo crédito, a sociedade puido facer fronte en 2012 a todos os pagos e vencementos de débeda no quinto ano consecutivo de forte caída de ingresos e de vendas".

A CIG reprocha que no escrito non se dedica nin unha palabra aos sacrificios pasados dos traballadores nin sobre quen xerou esa débeda. “Ao comité e aos traballadores adxudícasenos o papel de meros "receptores" da proposta da sociedade”, din.

Segundo o preámbulo, o obxectivo da proposta da sociedade é "evitar a adopción doutras vías exclusivamente económicas, máis traumáticas e que serían irreversíbeis para o actual modelo de La Voz". E aquí o comité e os traballadores só poden ser un obstáculo que "dinamiten" o plan pola falta de acordo.

Para a CIG, a empresa basea a súa proposta nunha interpretación moi particular da disposición adicional primeira do vixente convenio colectivo, que di textualmente que:

"La Voz de Galicia, S.A., asume durante o período de vixencia do presente Convenio, un compromiso de mantemento do emprego até o 85 % do cadro de persoal á sinatura do acordo, sempre que os resultados antes de impostos, excluídas as indemnizacións por despedimento e dividendos de empresas do grupo, do exercicio 2012 ou os do exercicio 2013 sexan positivos”

Atendendo a isto, explican que resulta evidente que a partícula "ou" significa que  basta con que sexa positivo algún dos dous exercicios para que a empresa manteña o seu compromiso de emprego, é dicir, haberá que esperar aos resultados de 2013. O feito de que os xestores da Voz de Galicia lean outra cousa di moi pouco da súa capacidade para interpretar correctamente o escrito, algo preocupante para quen dirixen un medio impreso.

Por outra parte, pretende negociar fora dos marcos establecidos pola Lei, sen intervención da Autoridade Laboral e pechando a porta a toda vía de tutela xudicial en caso de non haber acordo. Este tipo de cousas son, para empresa, un instrumento co que ameazar ao cadro de persoal, en vez de garantías para un proceso de negociación limpo e sobre a base da boa fe.

Asemblea de traballadoras/es e concentración

Ante esta situación, máis de 160 traballadores e traballadoras das distintas delegacións de La Voz de Galicia mantiveron o 24 de febreiro unha asemblea para pór en común co Comité Intercentros a negativa a aceptar o marco de negociación imposto pola empresa o pasado día 18.

Tras da asemblea, o Comité Intercentros (formado por trece traballadores) estaba convocado a unha concentración diante da antiga sede de La Voz de Galicia en Catro Camiños. Malia a convocatoria restrinxírense a delegados/as de persoal, medio cento de compañeiros e compañeiras sumáronse á protesta.

Durante a mesma repartíronse panfletos entre os viadantes explicando a situación que durante os últimos anos veñen soportando os traballadores e traballadoras de La Voz de Galicia.