O 100% do persoal de limpeza do CHUS secunda a folga contra a rebaixa salarial e incremento da xornada

Mañá xoves concentraranse no Clínico ás 9:00 da mañá para sumarse posteriormente ás 11:00 horas en San Caetano
Ás 7:00 da mañá deste mércores comezaba a primeira xornada da folga de 48 horas convocada no servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que rematará á mesma hora o día 1 de marzo. Coincidindo coa folga celebráronse concentracións no Hospital Clínico e no de Conxo e para o xoves teñen convocada unha concentración ás 9:00 horas no Clínico e outra as 11:00 horas en San Caetano. O 100% do persoal secunda a convocatoria en demanda de que se manteña a equiparación co persoal do SERGAS e contra a pretensión da empresa de aplicar unha rebaixa salarial do 30% e un incremento de xornada do 20%.
27/2/13.

O secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, denunciou a pretensión do SERGAS de aplicar uns servizos mínimos abusivos, para inviabilizar así o exercicio do dereito á folga do persoal da contrata de limpeza do CHUS. De feito, sinala que tiveron que ser recorridos e que grazas ás medidas cautelares decretadas polo xulgado na tarde do martes, aínda que se manteñen uns mínimos do 100% nas zonas máis críticas, rebaixáronse do 75 ao 50% e do 50 ao 33% nas outras. “Eran tan excesivos os mínimos que non permitiría secundar a folga, na quenda de mañá, a máis de 7 persoas”.

Noceda lembra que malia a orde na que se recollía o decreto de mínimos estar asinada o día 21, non foi publicada no DOG até o día 25. “Entendemos que querían atrasar a súa publicación o máximo posíbel para que non dera tempo de ditar as medidas cautelares”. A isto engade que o máis grave é que esas medidas eran “perfectamente coñecidas tanto polo SERGAS como pola xerencia, porque xa foron emitidas nos mesmos termos, tamén polo xulgado de Santiago, hai aproximadamente ano e medio coa anterior convocatoria de folga”

Vulneración do dereito á folga

Alén diso, o secretario comarcal da CIG de Santiago asegura que, tanto na tarde do martes como na madrugada do mércores detectaron que traballos propios do persoal da limpeza foron realizados por persoas alleas á contrata. “Non sabemos se por persoas directamente vinculadas co SERGAS ou con outras contratas pero que, desde logo foron feitas por persoas non vinculadas á contrata de limpeza. Polos datos que nos dan, que estamos intentado corroborar, podería ter participado mesmo persoal da propia xerencia do CHUS”. Datos que queren confirmar porque de ser así “sería gravísimo”, afirma.

Esta mesma mañá puxeron estes feitos en coñecemento de responsábeis do CHUS, que aseguran que non foron desenvoltos por persoal propio do SERGAS.

Xuntanza coa empresa

Na tarde do martes celebrouse ademais unha xuntanza coa empresa na que Noceda recoñece que algo se moveron as posicións, pero “en absoluto a pretensión das traballadoras, que non é outra que manter a equiparación co persoal do SERGAS”.

Noceda explica que esta condición que non é nova e que, ademais non supón incremento económico algún, porque son as condicións que ten o persoal neste momento. De feito, esa circunstancia ten provocado que malia non ser persoal da administración se lle apliquen ao persoal da contrata da limpeza os mesmos recortes, como ocorreu coa supresión da paga extra do pasado mes de xuño.

Fronte a isto, a empresa, non se sabe se respaldada polo SERGAS ou non, pretende rebaixar as condicións económicas até nun 30%, incrementando até nun 20% a xornada laboral deste persoal. “Estáselle pedindo a este colectivo, fundamentalmente de traballadoras, un esforzo moitísimo maior do que se lle está a pedir ao propio persoal do SERGAS, que xa é no seu caso desproporcionado”.

O máis grave é que a concesión desta contrata realizouse en 2011 por un período de dous anos, aínda que se lle deu unha prórroga por outros dous máis e remataría o 30 de novembro deste ano. Porén, denuncia Noceda, “non se lle rebaixou a partida nin un céntimo, mantéñense as mesmas condicións que en 2011”. A conclusión é, xa que logo, que eses cartos van directamente ás arcas da empresa.