Empregados/as de Povisa escenifican a 'morte' do convenio colectivo cun velorio polas rúas de Vigo

A dirección négase a retomar as negociacións para que o acordo laboral decaia e poder aplicar o convenio provincial
Un grupo de empregados e empregadas do hospital Povisa de Vigo escenificaron onte a 'morte' do convenio colectivo cun velorio que percorreu as rúas da cidade dende o centro médico até Praza América. Dende o comité de empresa acusan á dirección de negarse a retomar as negociacións para que decaia o acordo laboral e poder aplicar dese xeito o convenio provincial, que é un 40% máis baixo.
01/3/13.

A mobilización, que forma parte da campaña iniciada polos sindicatos para denunciar que a precarización das condicións laborais está a afectar negativamente sobre a calidade asistencial que se lle presta a pacientes e usuarios, comezou pasadas as oito da tarde coa saída da marcha dende o edificio de Povisa.

Arredor de 150 traballadores/as do centro médico participaron nunha protesta que consistiu na escenificación dun velorio para alertar sobre a 'morte' do convenio colectivo.

Deste xeito, percorreron a distancia entre o hospital e Paza América portando un cadaleito, con velas e ao son dunha marcha fúnebre. Moitos dos participantes vestían roupas negras en sinal de loito e durante o traxecto berráronse consignas como “Povisa culpábel, Sergas responsábel” ou “Esta batalla imos a gañala”.

Unha vez nas Travesas, os manifestante ocuparon un carril de circulación e deron varias voltas á praza, ao tempo que despregaron unha faixa na que se podía ler “Contra a precariedade. Polo cumprimento do convenio”.