O Pazo de Congresos prescinde do servizo de limpeza

A vindeira semana comezará unha campaña de mobilizacións, a primeira o martes día 5 de marzo ás 11:30 horas diante do Pazo
Dende o día 28 de febreiro o Pazo de Congresos quedou sen servizo de limpeza. A empresa concesionaria (Gespalia) abandonou repentinamente o mesmo despedindo ao tempo a todo o seu persoal. A data de hoxe, día 1 de marzo, non hai persoal de limpeza no centro, nin empresa que a realice. A empresa que xestiona o Pazo (Atlántico de Congresos) non aclarou como pensa solucionar esta situación, se contratará unha nova empresa ou se o fará con persoal propio.
01/3/13.

A CIG-Servizos entende que, sexa como sexa, o persoal debe ser o mesmo xa que en todos os casos leva desenvolvendo a actividade de limpeza no centro desde que se abriu hai máis de 20 anos.

Denuncia ademais que a eliminación deste servizo irá en contra da imaxe do Pazo de Congresos e, polo tanto, da cidade de Compostela. Por iso tamén instan a que o Consorcio de Santiago, propietario da instalación rescate inmediatamente a súa xestión e realice as accións oportunas para o mentemento dos postos de traballo que veñen de ser eliminados.

A CIG-Servizos anuncia ademais que iniciará a partir da vindeira semana unha campaña de mobilizacións para esixir a readmisión das traballadoras despedidas. A primeira está xa convocada para o martes 5 de marzo ás 11:30 diante do Pazo de Congresos.