O comercio de alimentación da provincia de Pontevedra irá á folga o 25, 26, 27, 28 e 30 de marzo

A patronal négase a negociar o convenio, e pretende empeorar as condicións laborais de máis de 15 mil traballadores/as
Os sindicatos CIG, CCOO e UGT, presentes na mesa de negociación do convenio do comercio de alimentación, presentaron hoxe formalmente na Xunta en Vigo a convocatoria de folga no sector na provincia de Pontevedra para os días 25, 26, 27, 28 e 30 de marzo, coincidindo coa Semana Santa, ante os intentos da patronal de precarizar as condición de traballo. As centrais denuncian que as grandes empresas negáronse a retirar as súas propostas na última xuntanza para renovar un acordo laboral que afecta a máis de 15.000 persoas “co obxectivo de que decaia e deste xeito ir ao Estatuto dos Traballadores, que é un 40% máis baixo”.
04/3/13.

A decisión de convocar os paros xa fora adoptada polos traballadores/as nas asembleas celebradas recentemente para analizar as propostas “inasumíbeis” da patronal no caso de que esta non aceptase retiralas.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, que rexistrou a convocatoria na delegación de Traballo xunto a representantes de CCOO e UGT, explicou que a mobilización responde a un ataque directo os dereitos dos traballadores/as xa que, entre outras cousas, os cambios que pretende introducir a patronal no novo convenio pasan por eliminar a promoción interna e modificar as categorías profesionais; eliminar tamén as limitacións na contratación e un día de vacacións.

Ao mesmo tempo, propoñen instaurar a xornada de luns a domingo, cambiar as horas extra por tempo de descanso e que os catro días de asuntos propios pasen a ser recuperábeis. Finalmente, pretenden cambiar as compensacións por mobilidade xeográfica e eliminar complementos como nocturnidade ou antigüidade.

Segundo os tres sindicatos, estas medidas supoñen unha importante perda de poder adquisitivo, xa que a proposta da patronal pasa ademais por non incrementar os salarios. “Ante esta agresión tan brutal de perda de dereitos laborais e económicos non podemos quedar calados/as”, sentencian.

Finalmente, anuncian a celebración dunha asemblea o vindeiro día 17 de marzo para analizar cos traballadores/as as últimas novidades do conflito e preparar as mobilizacións.

Protestas contra o convenio de Grandes Almacéns

Por outra banda, Fernández lembrou que para este martes teñen convocadas mobilizacións en distintos puntos de Galiza para rexeitar o convenio de Grandes Almacéns asinado entre a patronal e os sindicatos Fetico e Fasga, que empeora considerabelmente as condicións económicas e de traballo. No caso de Vigo, as protestas desenvolveranse pola mañá diante da sede de Fetico e Fasga ás 11.00 horas, mentres que pola trade haberá unha concentración no Carrefour do centro comercial Gran Vía ás 18.00 horas.

Na Coruña serán diante de El Corte Inglés e da sede de Fetico ás 18.00 horas. E en Lugo diante do Carrefour ás 19.00 horas.cmer