CIG, CCOO e UGT rexeitan o convenio de Grandes Almacéns con protestas ante as centrais asinantes

Dende a federación de Servizos adiántase a posibilidade de impugnar o acordo entre a patronal e os sindicatos Fasga e Fetico
As centrais CIG, CCOO e UGT, presentes na mesa de negociación do convenio de Grandes Almacéns, rexeitaron onte o acordo asinado entre a patronal e os sindicatos Fetico e Fesga con protestas diante da sede das organizacións asinantes e de El Corte Inglés en Vigo. Dende a federación de Servizos da central nacionalista adiantan a posibilidade de impugnar o acordo porque modifica a situación contractual de centos de traballadores/as.
06/3/13.

As concentracións desenvolvéronse entre as 11h00 e as 12h30 horas diante das sedes de Fetico e Fesga, para trasladárense posteriormente a El Corte Inglés, onde arredor dun cento de persoas berraron consignas como “Máis traballo e menos salario”, “Explotación nos grandes almacéns” ou “Esta batalla imos a gañala”.

Xa pola tarde, o lugar escollido para a mobilización foi a entrada do supermercado Carrefour do centro comercial Gran Vía. Na protesta, que se prolongou por espazo dunha hora, participaron arredor de medio cento de persoas.

Dende as centrais convocantes adiantaron que as concentracións terán continuidade todos os meses e anunciaron que barallan a posibilidade de impugnar o convenio, xa que modifica a situación contractual de moitos traballadores/as, por exemplo no caso da ampliación da xornada laboral un día máis.