Delegados/as da CIG-Servizos boicotean negociación do convenio estatal de Seguridade Privada

Denuncian que os sindicatos españois e a patronal "teñen todo acordado en conversas privadas"
Un grupo de delegados e delegadas da CIG-Servizos boicotearon hoxe en Madrid a mesa de negociación do convenio estatal da Seguridade Privada para denunciar que os sindicatos españois están a manter xuntanzas privadas coa patronal. A Policía española identificou a varios dos participantes, entre eles o secretario nacional da federación, a pesar de que non se rexistraron incidentes.
12/3/13.

Arredor de 60 representantes sindicais da CIG no sector da Seguridade Privada desprazáronse até a capital do Estado español para amosar o seu rexeitamento ao proceso de negociación do convenio estatal do sector.

Dende a central nacionalista denuncian que os sindicatos CCOO, UGT e USO “xa teñen todo acordado coa patronal de costas a nós porque as verdadeiras negociacións estanas a facer en privado”.

Diante disto, decidiron achegarse até a localidade madrileña de Pozuelo de Alarcón para boicotear a xuntanza e amosar o seu rexeitamento a esta actitude cunha concentración ás portas do establecemento hoteleiro onde se produciu a cita.

Dende a CIG-Servizos explican que arredor das 10.30 horas irrompían ao interior da sala onde se reunía a mesa de negociación “porque non temos por que respectala xa que a súa actitude é totalmente irrespectuosa co resto de membros que a conforman”.

Unha vez dentro, os representantes da CIG explicáronlle a todos os presentes o motivo da protesta. “Dixémoslles que non recoñecemos a mesa negociadora porque as conversas se estaban a producir por fóra”, comentan. A continuación abandonaron as dependencias.

Na central nacionalista sospeitan que os sindicatos presentes na negociación adiarán a sinatura do novo convenio ao venres “cando xa teñen todo pactado” porque “despois da nosa protesta de hoxe teñen que deixar pasar un tempo antes de rubricar o acordo”.

A pesar de que non se rexistraron incidentes durante a mobilización, axentes da Policía española identificaron a varios dos participantes, entre eles o secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido.