O preacordo coa concesionaria da limpeza hospitalaria do CHUS garante a equiparación e a ultraactividade

As traballadoras conseguiron frear a pretensión de rebaixar salarios nun 30%, e incrementar xornada nun 20%
Grazas á mobilización e á unidade das traballadoras do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) conseguiuse frear a pretensión da empresa concesionaria, Clece, de rebaixar os salarios nun 30% e incrementar a xornada laboral nun 20%. E non só iso, tamén se acadaron os principais obxectivos: garantir que se manteña a equiparación co persoal do SERGAS e introducir unha cláusula que garanta a ultraactividade indefinida do convenio. Así se recolle no preacordo ratificado este martes nas asembleas celebradas nos distintos centros de traballo e que foi valorado polo secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, como “un éxito”.
13/3/13.

Os días 28 e 29 de febreiro o 100% do persoal de Clece, empresa concesionaria do servizo de limpeza do CHUS, secundaban a folga. Malia o éxito da convocatoria, non se producía ningunha xuntanza até a reunión da Mesa de Negociación prevista para o pasado día 7 de marzo. “Nesa primeira reunión xa se producen movementos por parte da empresa que facían prever a posibilidade dun preacordo”, explica Anxo Noceda.

As partes emprázanse para unha nova reunión que tivo lugar o pasado luns día 11 de marzo. “Logo de 10 horas de xuntanza chégase a un preacordo no que se debuxa o futuro convenio colectivo que pasaría por dous eixos: mantemento e, polo tanto, respecto da equiparación co Grupo E do persoal estatutario do SERGAS e o estabelecemento no convenio colectivo dunha cláusula de ultraactividade indefinida para o propio convenio”, sinala Noceda.

Alén destas dúas grandes cuestións, engade o sceretario comarcal da CIG de Compostela, establécese que terían que continuar as xuntanzas até rematar de redactar, polo miúdo,o resto do articulado do convenio colectivo.

Asembleas de traballadoras

Con estas premisas, este martes convocáronse asembleas de traballadoras/es en todos os centros de traballo que remataron preto da 20:30 horas e nas que o 90% do persoal ratificou o preacordo acadado o luns. Tal e como estaba comprometido no preacordo, desconvócanse así as dúas xornadas de folga previstas para os días 13 e 14 de marzo.

Anxo Noceda, valora “moi positivamente” o acordo xa que, afirma, “fronte as pretensións da empresa de rebaixar os salarios nun 30% e incrementar a xornada laboral nun 20%  e grazas á mobilización e á unidade das traballadoras conseguiuse, por unha banda manter a equiparación co persoal estatutario do SERGAS e pola outra, conquistar unha cláusula de ultraactividade indefinida que lle dá ao futuro convenio a mesma seguridade e garantías existentes antes de se aprobar a reforma laboral do Partido Popular”.

Isto é, para Noceda, unha mostra de que coa loita e mobilización das traballadoras “si é posíbel parar á patronal e ao propio goberno e facerlle fronte as súas pretensións de precarizar as condicións laborais e salariais”.