Os empregados/as do servizo de recollida do lixo de Vigo convocan folga a partir do 30 de marzo

Os traballadores/as do servizo municipal de recollida do lixo de Vigo anunciaron hoxe a convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro sábado 30 de marzo tras rexeitar a proposta da empresa de empeorar as condicións laborais no convenio colectivo que se está a negociar. Dende o comité denuncian que a empresa FCC pretende reducir salarios e ampliar a xornada a pesar de ter beneficios económicos tras incrementar o canon municipal en seis millóns de euros.
19/3/13.

Os empregados/as da concesionaria municipal acordaron por maioría absoluta convocar o paro na asemblea celebrada este luns pola noite na nave da compañía, na estrada de Camposancos.

Esta mañá comparecían en rolda de prensa os representantes do comité de empresa para explicar a decisión dos traballadores/as e anunciar as primeiras mobilizacións, que comezarán este mesmo mércores cunha concentración diante das oficinas de FCC na cidade (r/ Tarragona, 12) ás 12.00 horas.

Os responsábeis sindicais indicaron que a convocatoria de folga decidiuse tras manter oito xuntanzas coa dirección dende o pasado 9 de xaneiro nas que se nos achegan unhas propostas “que nos consideramos inasumíbeis”. Neste senso, sosteñen que intentaron até o último momento chegar a un acordo que evitase un conflito “que nos afecta dobremente, como cidadáns e como traballadores/as”.

Entre as propostas da patronal que máis oposición atopan entre os empregados/as de FCC destacan “a súa intención de recortar os complementos que ingresamos por incapacidade temporal, xa que pretenden que non cobremos nada os tres primeiros días de baixa e só o 60% a partir do cuarto día”. Esta é unha cuestión moi importante para eles tendo en conta que se trata dun colectivo que desenvolve o seu labor á intemperie, suxeito polo tanto ás inclemencias meteorolóxicas.

Outro dos cambios que pretende a dirección pasa por conxelar a antigüidade, ademais de incrementar xornada laboral en dúas horas e media á semana, o que nun futuro se pode traducir en despedimentos”. Ao mesmo tempo, os arredor de 550 empregados/as de FCC tampouco están dispostos a asumir ningunha modificación que supoña perda de poder adquisitivo, polo que reclaman unha pequena subida salarial. “Pedimos o IPC, cando no prego de condicións do servizo figura o IPC máis punto e medio”.

Outra das esixencias do cadro de persoal pasa pola equiparación de todos os traballadores/as para rematar coas diferencias salariais entre os que desenvolven o seu labor durante a semana ou os que o fan en fin de semana, que segue a ser de entre 27 e 30 euros semanais en favor dos primeiros por culpa de que aplican mal as táboas. “Tamén nos teñen que pagar 18 días da cuarta paga extra, ademais de incluír no novo convenio as cláusulas pactadas no anterior”.

Dende o comité amosáronse moi críticos coa actitude da empresa, tendo en conta que vén de ampliar o canon municipal que recibe un 28%, pasando de case 22 millóns a case 28, e que, segundo recoñece a propia compañía, “ingresa puntualmente do Concello”.

Finalmente, demándanlle que retire as propostas e se sente de novo para retomar as negociacións “en serio” xa que no caso de que o conflito se alongue no tempo “o responsábel político será o Concello de Vigo”.