As mobilizacións do servizo de recollida do lixo de Vigo obriga a FCC a retomar as negociacións do convenio

A dirección convocou ao comité a unha unha xuntanza despois de que uns 200 traballadores/as protestasen ás portas da empresa
A primeira das mobilizacións dos traballadores/as do servizo municipal de recollida do lixo de Vigo para rexeitar as propostas da dirección da empresa concesionaria comezan a dor os seus froitos a 10 días antes do inicio da folga, previsto para o vindeiro día 30. Media hora despois de que uns 200 empregados/as de FCC se concentrasen ás portas da compañía para reclamar o reinicio das negociacións, representantes da concesionaria convocaban ao comité a unha xuntanza pola tarde na que xa non lles propuxeron unha rebaixa salarial.
20/3/13.

Arredor de 200 traballadores e traballadoras de FCC participaron na ruidosa protesta que se desenvolveu ao mediodía diante das oficinas da empresa, na rúa Tarragona, para forzar á dirección a retirar as propostas que supoñen precarizar as condicións laborais e retomar as negociacións do convenio.

Apenas media hora despois do inicio da concentración, representantes da empresa contactaban cos membros do comité para convocalos a unha xuntanza que tería lugar ás 17.00 horas.

Os representantes do comité, co presidente, Rufino Santalices (CIG) á cabeza, acudiron xa pola tarde á cita, que se prolongou durante tres horas e na que a compañía “xa se sentou a negociar en serio”, segundo explicaron.

Neste senso, sinalan que a presión tanto da convocatoria de folga indefinida a partir do día 30 como da mobilización de hoxe “fixo que, por exemplo, deixasen de falar de rebaixas salariais”. As conversas continúan este xoves a partir das dez da mañá.