A alimentación pontevedresa irá á folga o luns pola negativa da patronal a retirar a proposta de convenio

Arredor de 15.000 traballadores/as do sector están chamados ao paro en toda a provincia durante a Semana Santa
Os traballadores/as do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra irán finalmente á folga a partir do luns tras a ruptura das negociacións coa patronal do sector, que pretende asinar un convenio que suporía a perda de boa parte dos seus dereitos laborais. As tres centrais maioritarias convocan os afectados/as a unha asemblea este domingo ás 11.30 horas no local da CIG de Vigo para preparar as mobilizacións.
22/3/13.

A ruptura das conversas entre a patronal do sector e os representantes sindicais produciuse despois de que os primeiros non aceptasen retirar de enriba da mesa as propostas que supoñen unha clara precarización das condicións laborais duns 15.000 traballadores e traballadoras en toda a provincia.

Deste xeito, decidiron abandonar a mesa de negociación e convocaron os empregados/as a unha asemblea para trasladarlles a intransixencia da patronal.

Dende a CIG-Servizos de Vigo explicaron que o paro afectará a toda a Semana Santa, xa que está convocado para os días 25, 26, 27, 28 e 30. Os traballadores/as están citados para este luns ás 8.30 horas diante do Concello para organizar os piquetes informativos.

No caso de Pontevedra, o lugar de encontro será nos almacéns da empresa Froiz no lugar da Canteira, Lourido, Poio.