Os empregados/as da recollida do lixo de Vigo desconvocan folga no servizo tras acordo de convenio

O documento, que terá unha vixencia de catro anos, remata coas diferenzas entre o persoal a tempo completo e o de fin de semana
Os traballadores e traballadoras do servizo municipal de recollida de lixo de Vigo ratificaron onte en asemblea por maioría absoluta o preacordo alcanzado entre o comité de empresa e a concesionaria, FCC. O documento, que terá unha vixencia de catro anos, garante o poder adquisitivo dos empregados/as e remata coas diferenzas entre o persoal a tempo completo e o de fin de semana.
23/3/13.

O acordo sobre o novo convenio colectivo permite desconvocar a folga indefinida prevista no servizo para este luns, unha vez que os operarios/as de FCC deron por boas as melloras logradas polo comité na mesa de negociacións.

O seu presidente, Rufino Santalices (CIG), explicou esta mañá en rolda de prensa, explicou que o cadro de persoal amosouse moi satisfeito despois de que conseguise frear a intención da empresa de reducir salarios e incrementar a xornada laboral.

 “Somos conscientes de que ao mellor noutro escenario este acordo non se tería asinado, pero neste contexto económico cremos que se trata dun pacto “inmellorábel”, indicou. Neste senso, lembrou que nos servizos da recollida do lixo de cidades como Huelva, Sevilla ou Xerez se recortou o salario e se incrementou a xornada laboral.

 Santalices detallou que o acordo terá unha vixencia de catro anos (2013-2016) e recolle un incremento salarial dun 0,5% o primeiro ano e dun 1% cada un dos seguintes, cunha cláusula de revisión do 1% con carácter retroactivo, “garantindo así o IPC real e o poder adquisitivo”.

 Ao mesmo tempo, desbótase a intención da empresa de incrementar a xornada en 2,5 horas semanais e establécese un incremento para a cuarta paga extra, correspondente ao mes de setembro, do seguinte xeito. En 2013: 3 días (15 días de paga); 2014: 3 días (18 días de paga); 2015: 3 días (21 días de paga); 2016: 6 días (27 días de paga); no ano 2017 complétase automaticamente a paga en 30 días.

Outra das cuestións de gran importancia para o cadro de persoal tiña que ver coas incapacidades temporais, tendo en conta que boa parte dos traballadores/as teñen que desenvolver o seu labor á intemperie. A empresa pretendía introducir recortes neste concepto pero a oposición dos empregados/as freou os seus plans, polo que seguirán a cobrar o 75% do salario os tres primeiros días e o 100% a partir do cuarto.

O acordo consegue tamén poñer fin ás diferenzas existentes entre o persoal a tempo completo e o de fin de semana. Pactouse a equiparación salarial (até o de agora existían diferenzas de entre 27-30 euros) e establécese que terán dereito a roupa da mesma calidade que os seus compañeiros/as. Finalmente, fixouse unha limitación para as retribucións por antigüidade (47%) que entrará en vigor a partir de 2017.