O comercio de alimentación de Pontevedra vai á folga tras a ruptura das negociacións do convenio

A mediación da Inspección de Traballo no sábado non logrou evitar un paro ao que están chamados uns 15.000 traballadores/as
Os traballadores/as do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra irán finalmente á folga a partir do luns tras a ruptura das negociacións coa patronal do sector, que pretende asinar un convenio que suporía a perda de boa parte dos seus dereitos laborais. A mediación da Inspección de Traballo durante toda a xornada do sábado non logrou achegar posturas e evitar un paro ao que están chamados uns 15.000 empregados/as.
24/3/13.

CIG, CCOO e UGT celebraron hoxe asembleas cos traballadores/as para trasladarlles o contido da xuntanza coa patronal e preparar as mobilizacións que se desenvolverán durante as xornadas de paro.

Dende a federación de Servizos da CIG explicaron que a mediación na Inspección de Traballo de Vigo continuará este luns a partir das 10.00 horas.

Antes, arredor das 8.30 horas, os traballadores/as están convocados diante do Concello de Vigo para organizar e distribuír os piquetes informativos.

Tamén se concentrarán ás portas da autoridade laboral mentres se desenvolva a xuntanza coa patronal. No caso de Pontevedra, os empregados/as están citados no almacén de Froiz en Poio ás 6.00 horas.