Concentración contra o despedimento de dous traballadores do Casino Ferrolano

Un dos empregados afectados levaba máis de 20 anos traballando para a entidade
A CIG realizou este luns unha concentracións diante do Casino Ferrolano en protesta polo despedimento de dous traballadores -un dos cales leva máis de 20 anos traballando nestas instalacións-, sen ningún tipo de comunicación previa nin negociación coa representación do persoal.
25/3/13.

A empresa, explicaba o co-responsábel comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, alega causas económicas para xustificar o despedimento de un ordenanza dos locais da Rúa Real e un peón destinado no Tenis Club. Porén a central denuncia que o procedemento normal nestes casos sería o de negociar coa representación legal dos dos traballadores/as outro tipo de medida para paliar os problemas económicos que puidesen existir, “e non actuar con alevosía e premeditación despedindo a dous traballadores tal como fixo o director”.

A este respecto, Pintos subliñou que a empresa non se parou en ningún momento a analizar coa representación do persoal alternativas para reducir custes sen necesidade de recorrer a medidas traumáticas, e apuntou ao feito incongruente de que hai uns anos o Casino contratou a unha persoa como xefe de administración, cando toda a xestión económica a ten contratada cunha asesoría.

Así as cousas, a central seguirá denunciando diante dos socios/as a teima do director en negarse a abrir unha vía de diálogo cos traballadores/as.