Traballadores/as do comercio de alimentación pontevedrés ratificaron un acordo con ultractividade

O éxito da primeira xornada de folga foi fundamental para desbloquear as negociacións coa patronal
Os traballadores/as do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra ratificaron onte un acordo de convenio coa patronal do sector que incorpora a cláusula de ultractividade -polo que manterá a súa aplicación independentemente da vixencia pactada até que sexa substituído por outro do mesmo ámbito- ademais de conservar os dereitos laborais do cadro de persoal. Os sindicatos lograron tamén que a patronal desistise da súa intención de aplicar a reforma laboral do PP e consideran que a presión exercida polas mobilizacións foi determinante para desbloquear as negociacións.
26/3/13.

Dende a CIG-Servizos salientan que a unidade sindical foi fundamental para garantir o éxito das mobilizacións, “non así na mediación, xa que o protagonismo recaeu plenamente na nosa central”.

Nese senso, lembran que despois de moitas horas de negociacións “conseguimos pechar un preacordo que foi ratificado en asemblea polo 100% das traballadoras e traballadores que agardaban impacientes no exterior do edificio da Inspección de Traballo”.

Segundo explican dende a central nacionalista, o éxito da negociación radica na incorporación da cláusula de ultratividade, “garantindo o convenio de por vida e tirando ao traste a pretensión da patronal de incorporar a reforma laboral aprobada polo Goberno do PP”. O acordo, que estará vixente durante os anos 2012, 2013, 2014 e 2015, contempla tamén un incremento salarial do 0,25% o ano que vén e do 1% en 2014 e 2015.

Dende a federación de Servizos da CIG lembran que a patronal pretendía eliminar no novo convenio todas as melloras acadadas no sector nos últimos 20 anos. “En concreto, tiñan a intención de retirar o 6% da antigüidade cada cuadrienio, eliminar a promoción profesional automática, reformar as categorías profesionais, quitar un día de vacacións, eliminar días de asuntos propios, modificar o tempo da redución de xornada por coidado de menores de 10 anos, etc”. 

Negativa a constituír a mesa de negociación

Ao mesmo tempo, critican que a patronal se negase a constituír a mesa de negociación amparándose na nova reforma laboral, “polo que decidimos organizar protestas que consistiron en facer operacións de compra e devolución de produtos para obrigalos a mover ficha”.

A estratexia sindical foi, en primeiro lugar, organizar distintas mobilizacións co obxectivo de sensibilizar o sector; ademais, levouse a cabo unha campaña de información con reparto de panfletos e celebración de asembleas.

A continuación, ante a negativa da patronal a negociar, acordouse a convocatoria de folga durante a Semana Santa, que foi suspendida tras a primeira xornada polo acordo alcanzado na mediación. Dende a CIG-Servizos sosteñen que o éxito da mobilización responde ao importante traballo sindical que se está a desenvolver nun sector cada vez máis organizado.