Esixen dimisión do alcalde e dun edil de Vigo tras sentenza de readmisión de empregados/as do IMD

Denuncian que os cidadáns deberán pagar cos seus impostos uns 200.000 euros “pola incompetencia do Goberno local”
A secretaria comarcal da federación de Servizos da CIG de Vigo, Transi Fernández, compareceu hoxe en rolda de prensa para reclamar a dimisión do alcalde e do concelleiro de Deportes tras a sentenza que declara nulo o despedimento de 11 traballadores/as do Instituto Municipal de Deportes (IDM). Dende a central nacionalista denuncian que agora os cidadáns deberán pagar cos seus impostos uns 200.000 euros “pola incompetencia do Goberno local”.
27/3/13.

A responsábel sindical lembrou na súa comparecencia que en setembro de 2012 os empregados/as gañaron o seu primeiro xuízo, en cuxa sentenza se recoñecía a cesión ilegal dos traballadores/as dunha empresa privada ao Concello.

“O que fixemos entón foi trasladarlle ao Goberno local o contido da decisión xudicial, pero nin o alcalde nin o concelleiro se dignaron a facernos caso”, critica.

A partir de aquí o grupo de afectados e afectadas comeza unha campaña de mobilizacións que inclúe distintas protestas nos plenos e peches en dependencias municipais, logrando seren recibidos polo edil de Deportes.

“Na xuntanza explicámoslle que para solucionar o problema poden facer como no caso dos traballadores/as da Escola de Oficios, poñelos como interinos/as até que non se coñecese a sentenza para logo non ter que pagar atrasos e salarios de tramitación”.

Neste senso, Fernández indica que tiñan moi claro que o tema era o suficientemente grave como para que a Xustiza lles dese a razón xa que se trata dun fraude de lei, xa que se trata de traballadores/as dunha empresa privada que desenvolven labores para o Concello. “Aínda así, deciden recorrer a sentenza e perden no TSXG”.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo explica que despois disto deciden novamente intervir no pleno para reiterar que existe unha sentenza do TSXG que recoñece a improcedencia dos despedimentos e que o máis probábel é que fosen declarados nulos, cousa que vén de suceder.

A partir de aquí o Concello notifícalle ao sindicato (e non directamente aos afectados/as) a execución da sentenza, polo que os traballadores/as serán readmitidos/as no servizo independentemente dos recursos que se poidan presentar. A incorporación terá lugar este martes día 2 e farase nas funcións de auxiliar de servizo, “tal e como figura no convenio do IMD”.

Dende a CIG-Servizos pregúntanse por que non se adoptou esta decisión hai cinco meses tras a sentenza de cesión ilegal, o que tería evitado ter que abonarlles agora uns 200.000 euros en atrasos, salarios de tramitación e diferencia entre o que cobran na empresa e no IMD.

Así mesmo, denuncian que os afectados/as pasan a ser “persoal laboral indefinido sen ter pasado un concurso oposición”, polo que reclaman que se depuren as responsabilidades políticas correspondentes. En concreto, demandan a dimisión do alcalde e do edil de Deportes , petición que farán oficialmente a través do Rexistro Municipal.