Extraballadores de seguridade de Sequor inician unha acampada en Rábade en defensa dos seus empregos

O persoal concentrouse tamén para esixir da nova adxudicataria do servizo, Prosetecnisa, que proceda xa á subrogación
Os extraballadores/as de seguridade privada de Sequor que prestan servizos en centros da Xunta en Lugo continuaron este martes coas mobilizacións para esixir da nova empresa adxudicataria, Prosetecnisa, que proceda de xeito inmediato á subrogación. Nesta ocasión, o persoal trasladou as protestas ás portas do centro de menores Santo Anxo de Rábade, por ser estas as instalacións nas que están destinados a meirande parte dos vixilantes afectados.
09/4/13.

Os traballadores desenvolveron unha concentración en rexeitamento á negativa de Prosetecnisa a proceder a subrogación dos empregados, ao tempo que demandan a mediación da Xunta –como titular da contrata- para que obrigue á empresa a cumprir co estabelecido en convenio e respecte os dereitos laborais deste colectivo.

Neste senso, Secretario Comarcal da CIG-Servizos de Lugo, Xosé Paz, criticaba que logo da rapidez coa que a administración procedeu a licitar a nova contrata para dar unha saída aos traballadores, agora, diante desta nova problemática, pretenda desentenderse.

Ademais, como medida de presión, os traballadores acordaron tamén iniciar unha acampada indefinida ás portas do Santo Anxo, xa que a pesar de que acoden todos os días ao seu posto de traballo, dende que a nova empresa se fixo co servizo non lles permite o acceso ao centro. Con tal motivo, a forGA cedeu en uso unha caravana ao colectivo de afectados, para teren un lugar onde resgardarse durante o tempo que dure a acampada.

O responsábel comarcal da CIG-Servizos lembrara durante a protesta que a situación deste preto de 20 traballadores (destinados no centro de menores, nas residencias LUG I e II, e outros en Ingemarma) é dobremente dramática pois Sequor adebédalles cinco meses de salario e agora Prosetecnisa non lles quere recoñecer o dereito a seren subrogados, e polo tanto a ter un emprego.

Para afondar aínda máis na precaria situación laboral e económica, sinalaba Paz, os traballadores tampouco poden acceder á prestación por desemprego porque nin teñen carta de despedimento nin certificado de empresa para tal efecto. Así as cousas, o persoal xa ten presentado demanda contra a empresa no xulgado do social e dende a CIG-Servizos advertiuse que se levarán a cabo todas as mobilizacións que sexan precisas.