Os extraballadores de Sequor continúan a acampada diante do centro de menores Santo Anxo de Rábade

A Inspección de Traballo citou este venres a traballadores, Sequor e Prosetecnisa, mais non se avanzou nunha solución rápida
Na defensa dos seus empregos, dos seus dereitos e para esixir o pago dos salarios adebedados, os extraballadores de Sequor continúan adiante coa acampada iniciada o martes diante do centro de Menores Santo Anxo de Rábade; unha das instalacións públicas de Lugo cuxo servizo de seguridade estaba a cargo de Sequor e que recentemente foi adxudicado a Prosetecnisa, empresa que agora se nega a subrogar aos empregados.
12/4/13.

Os traballadores, explica o Secretario Comarcal da CIG-Servizos, Xosé Paz, atópanse con ánimo e forzas suficientes para continuar coas accións de protesta, até que Prosetecnisa cumpra co estabelecido no convenio e subrogue aos 18 empregados afectados. Neste senso, subliñou que na mañá deste venres estaban convocadas todas as partes na Inspección de Traballo –Sequor, Prosetecnisa e a parte social-, máis dese encontro, como era de agardar, non se tirou ningunha solución inmediata para os traballadores.

A acampada indefinida estase realizando diante do centro de Rábade, xa que neste centro están destinados os meirande número de vixilantes, aínda que dende que Prostecnisa se fixo coa contrata prohibiulles o acceso ás instalacións. Para levar adiante a acampada o persoal mantén a rutina dos cadrantes de traballo, e sempre hai dous traballadores por quenda. Ademais, reciben a visita do resto dos compañeiros afectados e sindicalistas, que se achegan á solidarizarse coa súa loita.

Así, o xoves pasou pola acampada o Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, e na xornada deste venres achegouse até Rábade o Secretario Xeral da CIG-Xesús Seixo. Do mesmo xeito, a Federación comarcal da CIG-Saúde remitiu un comunicado de apoio (no escrito adxunto á esta nova), no que criticaron a inhibición da administración “ante a conculcación de dereitos que a empresa privada, que ela mesma contrata, leva a cabo cos seus traballadores/as, e temos que soportar como mira para outro lado”.

Cómpre lembrar que os traballadores afectados realizan labores de vixilancia no Santo Anxo, as residencias LUG-I e II, na Xefatura Provincial do Sergas e outros tres en Ingemarga. Ante a problemática económica que atravesa Sequor (que realizaba os servizos de seguridade privada nestes centros), a Xunta acordou licitar unha nova contrata, que finalmente adxudicou a Prosetecnisa.

Porén, subliñaba Paz, agora a empresa négase a subrogar o persoal, a pesar de que así o estabelece o convenio colectivo de aplicación e que todos os afectados cumpren os requisitos para acceder a este dereito. Por se fose pouca cousa, ademais, Sequor aínda adebeda cinco salarios a estes traballadores, que tampouco poden acceder á prestación por desemprego (porque non teñen carta de despedimento nin certificado de empresa), nin buscar outro traballo, porque perderían os seus dereitos.

Fronte a esta complicadísima situación económica e laboral, dende a CIG-Servizos esixiuse unha implicación inmediata da Xunta e advertiuse que continuarán adiante con todas as mobilizacións que sexan precisas até acadar unha solución positiva para os traballadores. De feito, o vindeiro mércores, no marco da acampada, está previsto organizar tamén unha chourizada popular, pero “con pouco pan”.