O publicado por un dixital sobre Pórtico non se corresponde co expresado pola CIG Servizos

Dende o sindicato anuncian que a partir de agora “todo o que manifestemos sobre a empresa será remitido por escrito"
A CIG quere deixar claro que as informacións sobre a situación económica da empresa Pórtico publicadas hoxe por un xornal dixital non se corresponden co manifestado nin dende a federación de Servizos nin por parte dos delegados/as da central na compañía.
18/4/13.

A CIG-Servizos de Vigo e os delegados e delegadas da central nacionalista en Pórtico, queren manifestar, con respecto á información aparecida hoxe no diario electrónico Galicia Confidencial, o seguinte:

-Que os dados aparecidos nese artigo non se corresponden coas manifestacións expresadas pola central sindical nin tampouco polos delegados/as da CIG en Pórtico.

-Que os dados que manexa este xornal non foron aportados por ningún membro desta central sindical.

-Que descoñecemos de onde saíron eses dados.

Finalmente, queren deixar claro que a partir de agora “todas as manifestacións que se fagan por parte da CIG e dos delegados/as de Pórtico serán por escrito, irán asinadas por todas as partes e remitiranse a todos os medios de comunicación a través do Gabinete de Prensa”.