Concentración do persoal de AENA no aeroporto de Santiago contra o ERE encuberto.

Esta é a primeira das mobilizacións convocadas pero xa anuncian que “haberá máis”
O persoal de AENA de Lavacolla concentrábase esta mañá no aeroporto para denunciar o Plan de Viabilidade que se vén de pór en marcha e que implica unha diminución do 20% do cadro de persoal -31 traballadoras/es menos-, vulnerando así o convenio colectivo vixente e o acordo polo que se fixaba en 138 traballadores/as o cadro mínimo operativo. Esta é a primeira mobilización convocada, pero a sección sindical da CIG xa anuncia que haberá máis e reitera o seu chamamento ao resto dos sindicatos para unir esforzos e paralizar este ERE encuberto que temen teña como obxectivo a privatización.
19/4/13.

O cadro mínimo operativo quedou fixado no ano 2011, logo do goberno Zapatero intentar pór en marcha un proceso de privatización de AENA que provocou numerosas mobilizacións e unha convocatoria de folga que, daquela, non chegara a efectivizarase ao recuar o goberno nas súas pretensións e acadarse este acordo coas organizacións sindicais. Acordo que no seu momento a CIG cuestionou por consideralo insuficiente. Deste xeito, fixábase en 138 traballadores/as o número de traballadores/as necesarios para que Lavacolla funcionara cun mínimo de solvencia.

Malia seguir en pé ese acordo e mesmo figurar ese mínimo operativo no convenio colectivo en vigor, AENA pretende suprimir 1.200 postos de traballo en todo o Estado, mediante a aplicación do chamado Plan de Viabilidade.

Segundo denuncia a sección sindical da CIG, Lavacolla sería, en proporción, o aeroporto máis prexudicado xa que perde máis dun 20% do seu cadro de persoal, pasando a ter 31 traballadores/as menos.

Trátase de 31 prexubilacións das que só se ofertaron 9 prazas e que a data de hoxe só se cubriron dúas, o que deixa en 29 o total de postos de traballo destruídos. Porén, moito do persoal que queda é temporal e a 30 de xuño, a maior parte irá á rúa, malia contar, algúns deles até con 10 anos de antigüidade e ter aceptado mobilidade xeográfica e funcional.

O recorte de persoal afecta a todos os grupos: sinaleiros, control de pasarela, coordinadores de programación aeroportuarios, central eléctrica, onde se funciona con alta tensión e para o que se require formación específica, talleres, etc.

Privatización de servizos

A sección sindical denuncia ademais a inminente privatización, pola vía da externalización, dos servizos de mantemento e aparcamento. Neste último caso, considera que é especialmente grave, xa que para AENA os aparcamentos supoñen un 13,5% dos ingresos comerciais. A privatización do aparcamento xa está publicada no BOE de 14 de febreiro deste ano e hai tres empresas que optan á concesión.

Consideran ademais moi grave que no aeroporto de Santiago se fixera un investimento, hai aproximadamente ano e medio, de 270 millóns de euros de todos os galegos e galegas que “vemos como se dilapidan e que se traduce en que grande número de traballadores/as van á rúa”, din.

A modo de exemplo lembran que malia ser un aeroporto novo, ao pouco de inaugurarse houbo que reformar a sala de autoridades, gastándose miles de euros e que a oficina de meteoroloxía tardou máis dun ano en trasladarse á nova terminal porque non cumpría a normativa.

Alertan ademais de que a diminución de traballadores/as terá importantes repercusións no normal funcionamento de Lavacolla, un aeroporto clasificado como H24, que significa que está operativo as 24 horas, e que ademais é o único aeroporto de emerxencias que controla a zona Norte da península e a zona Norte de Portugal. “É importante que teña uns traballadores mínimos para poder garantir que se opera as 24 horas. Se quedamos sen o 20% é imposíbel manter o que temos agora canto a horarios e demais”, subliñan.

ERE encuberto

Do mesmo xeito, aseguran que ao que eufemisticamente se denomina como Plan de Viabilidade non é outra cousa que un ERE encuberto que non se podería aplicar como tal porque non se poden xustificar as perdas necesarias. Xunto a iso, denuncian que non se pode facer pagar ao persoal polo que consideran que é un problema de “mala xestión, e algo de despilfarro, dos últimos 10 anos. Fixéronse moitas infraestruturas non sempre imprescindíbeis”.

Advirten que este é un primeiro chanzo para proceder á privatización de AENA coa intención de ofrecerlla ao capital privado como un suculento negocio, para o que, con anterioridade, se desfán de persoal e doutras ‘cargas’.

Denuncian tamén que o chamado Plan Social púxose en marcha no verán de 2012. Inicialmente estaba prevista a súa aplicación nos aeroportos do Grupo 3, que teñen menos de medio millón de usuarios/as anuais, nun período que iría até o 30 de xuño. A partir de aí comezaría a aplicarse nos aeroportos do Grupo 2, entre os que está o de Lavacolla. Porén, non só non se respectaron os prazos senón que mesmo se eludiu toda negociación.