A acampada de traballadores de seguridade privada trasládase de Rábade aos edificios da Xunta en Lugo

Pasividade da Consellaría de Traballo ante o incumprimento por parte de Prosetecnisa das condicións da contrata
Os traballadores de seguridade privada que hai dúas semanas iniciaron unha acampada diante do centro de menores Santo Anxo de Rábade para reclamar o dereito a seren subrogados e o cobro das cinco nóminas adebedadas, trasladaron este martes a caravana que tiñan diante do centro até as inmediacións dos edificios administrativos da Xunta en Lugo, para esixir da Consellaría de Traballo que asuma as súas responsabilidades neste conflito.
23/4/13.

Con este cambio de situación, os traballadores buscan dar maior visibilidade á súa protesta así como aumentar a presión sobre a Consellaría de Traballo e Benestar, titular da contrata, está actuando con absoluta pasividade e indiferenza ante o incumprimento por parte de Prosetecnisa das cláusulas da concesión do servizo, negándose a subrogar ao persoal.

“Precisamente é a Consellaría de Traballo e Benestar á que está condenando a 17 familias á exclusión social”, denunciaba o Secretario comarcal da CIG-Servizos de Lugo, Xosé Paz. A este respecto, lembrou que os traballadores afectados aínda teñen pendente de cobrar cinco nóminas da anterior concesionaria, a empresa Sequor, polo que se atopan nunha situación económica realmente complicada, mesmo con ameazas de desafiuzamento. “A Xunta non pode permanecer pasiva, ten que actuar e ser consciente da situación na que deixa a estas familias”, aseverou Paz.

Pola súa banda, a administración galega desenténdese desta problemática, deixando a decisión en mans da xustiza, “e atrasando así cando menos outros cinco ou seis meses máis unha solución para estes traballadores”.

Fronte a esta dilación, o responsábel comarcal da CIG-Servizos urxiu da Consellaría unha pronta actuación, xa que os traballadores nin sequera poden cobrar o paro por non ter carta de despedimento nin certificado de empresa. De feito, un dos traballadores que xa tivo o acto de conciliación (ao que Prosetecnisa nin sequera se presentou), acudiu coa papeleta do SMAC á oficina de emprego, mais non lla deron por válida para tramitar o cobro da prestación por desemprego.

Cómpre lembrar que os traballadores afectados realizan labores de vixilancia no Centro de Menores Santo Anxo, as residencias LUG-I e II, a Dirección Provincial do Sergas e outros tres en Ingemarga. Ante a problemática económica que atravesa Sequor (que realizaba os servizos de seguridade privada nestes centros), a Xunta acordou licitar unha nova contrata, que finalmente adxudicou a Prosetecnisa. Porén, agora a empresa négase a subrogar o persoal, a pesar de que así o estabelece o convenio colectivo de aplicación e que todos os afectados cumpren os requisitos para acceder a este dereito.

Así as cousas, os traballadores continuarán adiante coa acampada e as protestas na defensa dos seus empregos e para reclamar o cobro dos salarios adebedados.