Inícianse as protestas en empresas de limpeza para desbloquear o convenio provincial de Pontevedra

A primeira das mobilizacións -que terán continuidade nos vindeiros días- desenvolveuse na compañía viguesa ISS
A CIG-Servizos iniciou hoxe en Vigo unha serie de mobilizacións para reclamar o desbloqueo do convenio provincial de limpeza, que decaerá no mes de xullo no caso de que antes non se chegue a un acordo que permita a súa renovación. A primeira das protestas consistiu na ocupación temporal e nunha posterior concentración ás portas da compañía ISS.
24/4/13.

Un grupo de delegados/as da CIG no sector da limpeza participou na protesta que tivo lugar ao mediodía no interior e exterior da firma ISS, situada na rúa Couto Piñeiro de Vigo, para denunciar o bloqueo nas negociacións do convenio provincial.

A mobilización consistiu na ocupación temporal das oficinas e nunha concentración posterior ás portas da compañía, onde se despregou unha faixa reclamando “un convenio digno”.

Dende a federación de Servizos da central nacionalista explicaron que decidíronse a convocar as mobilizacións -que terán continuidade nos vindeiros días noutras empresas do sector como Clece, Eulen ou Faro- en solitario despois de que CCOO e UGT asinasen recentemente o convenio estatal, “o que fai presupoñer que farán o mesmo co provincial”.