Protesta en Ferrol coincidindo co xuízo polo despedimento da traballadora de Ferroser

Solicitouse a nulidade do despedimento ao entender que non existen causas nin económicas nin organizativas
Este xoves continuaban as mobilizacións para esixir a readmisión dunha traballadora do servizo de limpeza do Hospital Arquitecto Marcide, inxustamente despedida pola empresa Ferroser (que ten a contrata do servizo). Desta volta, a protesta trasladouse até as portas do xulgados de Ferrol, coincidindo coa celebración do xuízo polo despedimento, que logo de máis de tres horas quedou visto para sentenza.
03/5/13.

A este respecto, o co-responsábel comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, explicou que se solicitou a nulidade do despedimento, pois en contra do argumentado pola empresa, “nin existen causas económicas nin produtivas para xustificar este despedimento”. De feito, matizou, “todo apunta máis ben a unha persecución da empresa contra esta traballadora”, que leva case 20 anos neste servizo.

Cómpre lembrar que Ferroser (que ten a contrata do servizo de limpeza do Arquitecto Marcide) xustificou o despedimento en base a unha suposta redución dos metros cadrados e un recorte da contía da contrata por parte do Sergas. Cuestións que dende a CIG de Ferrol se desmentiron rotundamente dende o primeiro día, “pois segue habendo os mesmos metros cadrados para limpar e dende o Sergas non se recortou a contía”.

Máis ben pola contra, de existir algún problema de carácter económico a responsabilidade, sinala Pintos, sería da propia empresa, xa que licitou un prezo do servizo máis baixo co que estaba consignado para o ano anterior.

Nos últimos dous meses o persoal de Ferroser, acompañado por traballadores/as do Sergas, estiveron realizando semanalmente concentracións na entrada do Hospital e reclamando a mediación do xerente do hospital, que deu a calada por resposta. Agora, á espera da sentenza xudicial, dende a CIG de Ferrol non desbotan continuar coas mobilizacións, se finalmente se resolve que o despedimento é improcedente e a empresa opta pola indemnización en lugar da readmisión.