Concentración diante dunha tenda de Emilio Iglesias contra o despedimento dunha delegada de persoal

A protesta realizouse tamén ás portas do SMAC, coincidindo co acto de conciliación
A CIG-Servizos de Ferrol realizou na mañá deste martes unha concentración ás portas do comercio que a firma Emilio Iglesias ten na Estrada de Castela en protesta polo despedimento dunha traballadora, que tamén é delegada de persoal pola central nacionalista.
07/5/13.

A concentración, que comezou ás 10:30 horas, trasladouse unha hora despois até as oficinas do SMAC, coincidindo co acto de conciliación, que rematou sen acordo, polo que agora o conflito seguirá pola vía xudicial. Neste senso, Francisco Cartelhe, da Executiva Confederal da CIG, explicaba que se vai solicitar a nulidade do despedimento, por entender que a empresa recorreu unha manobra para poder xustificar en base a causas económicas o despedimento da delegada de persoal.

Así, apunta, a delegada foi trasladada hai un tempo do seu centro habitual de traballo a un comercio máis pequeno, que agora a empresa pecha aducindo problemas económicos. Fronte a esta actitude, dende a CIG-Servizos adiantan que continuarán na loita pola defensa dos dereitos desta traballadora.