O persoal de Star Center mobilízase en defensa do emprego e polo cobro dos salarios atrasados

A empresa presentou un ERE para sete traballadoras e durante o período de consultas solicitou concurso voluntario de acredores
As traballadoras e traballadores de Star Center, dedicada á venda de electrodomésticos e situada en Narón, protagonizaron este martes unha concentración diante das instalacións da empresa no Polígono da Gándara en rexeitamento ao despedimento de sete compañeiras e para esixir o cobro das tres nóminas que se lles adebedan.
07/5/13.

A empresa presentou hai unhas semanas un expediente de regulación de emprego extintivo para sete traballadoras/es, no que casualmente inclúa ao persoal con máis antigüidade, alegando causas económicas. Despedimentos  que se fixeron efectivos no día de onte.

Porén, sinala Francisco Cartelle, da CIG-Servizos, o máis sorprendente foi que durante o propio período de consultas, a firma solicitou concurso voluntario de acredores.

Ademais de quedar sen emprego e do incerto futuro laboral, a situación dos traballadores e traballadoras vese agravada xa que a empresa, aínda ten pendentes de abonar os salarios dos últimos tres meses.

Para esixir unha solución a esta precaria situación, a CIG-Servizos de Ferrol decidiu iniciar mobilizacións.