Protesta en Mariel Boutiques de Vigo para reclamar a indemnización a unha traballadora despedida

O propietario da cadea de tendas rescindiulle o contrato tras a denuncia pola modificación substancial das condicións laborais
Delegados/as da CIG-Servizos desenvolveron hoxe unha protesta diante dunha das tendas de Mariel Boutiques en Vigo para reclamar o pago dos salarios e da indemnización que o propietario lle adebeda a unha traballadora que despediu despois de que denunciase a modificación substancial das condicións laborais. Os problemas da empregada, que se atopaba de baixa por acoso laboral cando foi despedida, comezaron cando solicita a redución de xornada para o coidado dunha filla.
08/5/13.

Un grupo de representantes sindicais da CIG-Servizos acompañou á traballadora afectada na ruidosa concentración que se desenvolveu ás portas do establecemento, na rúa Salamanca, entre as 10.00 e as 12.30 horas e que terá continuidade a diario até final de mes. O motivo da protesta, segundo explicou a propia traballadora, é reclamar os dous salarios e a indemnización por despido improcedente que aínda lle adebeda o empresario.

A afectada indica que foi despedida en decembro, cando se atopaba de baixa por acoso laboral, despois de ter presentado dúas denuncias por modificación substancial das condicións de traballo. “Eu e outras dúas compañeiras que traballabamos para outra empresa no local que agora ocupa Mariel fomos subrogadas en abril e nun principio dixeron que nos ían manter as condicións laborais, aínda que ao pouco tempo o propietario comezou a marearme de tenda en tenda”, relata.

A partir de entón a cousa foi a peor e comezaron os insultos, polo que se veu obrigada a coller unha baixa por acoso laboral. “O problema foi que tiven unha filla e solicitei a redución de xornada, algo que el nunca aceptou”, lembra.

En canto aos salarios e á indemnización pendente, explica que nunha das dúas demandas foron á conciliación e chegaron a un acordo polo que o propietario lle ía abonar os catro salarios pendentes e unha indemnización de 12.000 euros por despido improcedente, pero finalmente só lle pagou dous soldos. Diante disto, o pasado luns decidiu comezar as protestas na tenda da rúa Salamanca e non descarta trasladalas aos outros seis establecementos da cadea na cidade “porque di que non ten cartos para pagarme pero mantén abertas un total de sete tendas”.