Acadado un preacordo en Darty que substancialmente mellora as condicións iniciais propostas pola empresa

O principio de acordo está pendente de ser ratificado nas asembleas de traballadores/as que se celebran este xoves
A folga e mobilizacións dos traballadores e traballadoras de Darty quedaron desconvocadas logo de que se acadase un preacordo entre empresa e a parte social, que deberá ser ratificado nas asembleas do persoal que se van celebrar este xoves. O principio de acordo mellora substancialmente as cativeiras condicións económicas das indemnizacións coas que a multinacional pretendía liquidar o persoal de todos os estabelecementos que posúe no estado español.
09/5/13.

O Secretario de Organización da CIG-Servizos, Adolfo Naya, que estivo presente nas negociacións realizadas coa compañía en Madrid, apuntou que –aínda que non se acadou o obxectivo dos 35 días-, finalmente a empresa accedeu a incrementar considerabelmente a súa oferta orixinal e abonar unha indemnización de 32 días por ano traballado, cun tope de 20 mensualidades.

Así mesmo, esta contía verase mellorada xa que para o cálculo das indemnizacións  terase en conta o salario anual bruto pero tamén se contabilizarán o plus de transporte e asistencia recollidos nos convenios de aplicación, o que pode elevar dous días máis para o cálculo, así como o salario variábel (pluses de comisións, incentivos, nocturnidade, produtividade, etc.).

Ademais, estabeleceuse unha indemnización adicional de un ou dous días de salario por ano de traballo, supeditada á consecución dos obxectivos de liquidación de stock das tendas.

Á espera do que se decida nas asembleas de traballadores/as, o preacordo asinado na tardiña do mércores supón a desconvocatoria das mobilizacións que o persoal estaba secundando estes días.