Protesta no hospital Meixoeiro de Vigo contra a represión sindical e laboral na cafetería

O propietario da empresa concesionaria, Oh! Vigo, pretende sancionar o delegado da CIG e segue sen abonar as pagas pendentes
O hospital Meixoeiro de Vigo foi escenario hoxe dunha concorrida mobilización en solidariedade cos traballadores/as da cafetería, xestionada pola empresa Oh! Vigo. Dende a CIG-Servizos denuncian que propietario pretende abrirlle un expediente sancionador ao delegado sindical e continúa sen abonar as pagas que adebeda.
21/5/13.

A protesta, na que participaron numerosos traballadores/as do hospital e delegados/as da central nacionalista, desenvolveuse nun primeiro momento ás portas do centro médico vigués. Posteriormente trasladouse ao interior do hospital, para rematar diante da cafetería tras un breve corte de tráfico.

Dende a CIG-Servizos explicaron que a mobilización, que se prolongou entre as 11.00 e as 12.00 horas, levouse a cabo para denunciar a represión sindical e laboral que se gue a practicar o propietario da empresa que xestiona a cafetería. En concreto, para rexeitar a proposta de sanción ao delegado da central nacionalista “e os cambios de quenda que continúa a facer de xeito arbitrario”. Ademais, censuran que o dono da compañía tampouco cumpre o laudo arbitral polo que se comprometera a abonar os atrasos pendentes.

Ao mesmo tempo, critican prácticas de acoso como manter xuntanzas individuais con algúns empregados/as para lembrarlles que as protestas e a folga convocada recentemente na cafetería para denunciar atrasos e modificación das condicións laborais e para reclamar a negociación do convenio “non serviron para nada”.