Albada despide a oito traballadores/as como represalia á negativa a asumir unha rebaixa salarial do 25%

Comité e CIG denuncian que detrás do desmantelamento do convenio, a empresa busca unha modificación do actual modelo da planta
O Comité de Albada compareceu este venres en rolda de prensa para denunciar a política de represión que está a aplicar a empresa (que ten a concesión da planta de Tratamento de Residuos de Nostián) en resposta á negativa do Comité a asumir a rebaixa salarial do 25% e o incremento da xornada semanal que a dirección pretende impor na negociación do novo convenio colectivo.
31/5/13.

O Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño, explicaba que o pasado mes de marzo se constituíu, a instancias da empresa, a mesa de negociación do novo convenio colectivo, todavez que o vixente caducou o 31 de decembro. Na primeira reunión, a dirección presentouse cunha proposta para este 2013 que suporía unha rebaixa salarial do 25% e un incremento da xornada semanal, pasando das 38,5 horas actuais á 42 horas semanais.

Vilariño cualificou esta proposta de “escándalo”, pois suporía desmantelar todo o convenio colectivo. Así, subliñou, a rebaixa salarial implicaría un recorte de 500 euros por traballador/a, “co que o persoal pasaría a cobrar menos de 1.000 euros ao mes”. Ademais, o incremento da xornada semanal suporía, segundo os cálculos do Comité, o despedimento de 18 compañeiros/as, recortándose o actual cadro de persoal de 116 traballadores/as a 95-96 operarios/as.

Fronte a esta agresión, o Comité presentou a súa propia plataforma de convenio, estando dispostos a asumir a conxelación salarial mensual, cunha equiparación das pagas extraordinarias que suporía un desembolso económico mínimo por parte da empresa, mais manténdose os niveis de emprego.

Porén a dirección permanece pechada na súa oferta e a única resposta que dá á parte social é o despedimento de oito traballadores, asegurando mesmo que estes compañeiros “son moeda de cambio” pola negativa do Comité a asinar a súa proposta. Que esta decisión é unha represalia descarada, denuncian, constátao o feito de que nos próximos días é máis que probábel que Albada contrate a oito novos traballadores e traballadoras, para substituír o persoal despedido.

Á vista da actitude represiva, o pasado venres, a representación do persoal mantiña unha xuntanza co Concelleiro de Medio Ambiente da Coruña para dar a coñece a situación e demandar a súa mediación “porque senón verémonos abocados a un conflito duro no que a cidadanía da Coruña e a Mancomunidade tamén se verá afectada”, advertía Vilariño.

Neste senso, criticou a indiferenza amosada polo responsábel político ante a problemática creada dentro dunha planta que é concesión municipal, matizando que non está nas pretensións dos traballadores/as causar prexuízos á cidadanía, “pero se a empresa, coas súas represalias e o Concello co seu pasotismo, non nos deixan outra saída, verémonos na obriga de convocar folga”.

A este respecto, o Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Paulo Carril, avanzaba que xa está convocada unha concentración diante das instalacións de Nostián o vindeiro venres 7 de xuño, entre as 13 e as 15 horas, en rexeitamento aos despedimentos e a pretensión de Albada de desmantelar o convenio colectivo.

Cambios no modelo da planta

Detrás desta precarización, a representación do persoal entende que se atopa o interese de Albada por mudar o actual modelo de planta, converténdoa nunha planta de transferencia, co “silencio e complicidade do Concello”. Nesta liña, Carril referiuse á “estafa social” que supón este cambio, xa que habendo menos traballadores/as recíclase menos, mais, pola contra, a cidadanía da Coruña e a Mancomunidade continúan pagando o mesmo por un servizo reducido.

Pola súa banda, a empresa alega que estas medidas de recortes están motivadas pola necesidade de reducir sete millóns de euros nos custes, unha afirmación que o Comité pon en dúbida. O Secretario Comarcal da CIG subliñou que a empresa está requirida e pendente dunha sanción por parte da Inspección de Traballo por incumprir a súa obriga de informar á parte social sobre a situación económica da empresa durante o pasado exercicio (contas de resultados e memoria).

Ademais, a dirección asegura que hai menos depósitos de lixo na planta, e que no primeiro trimestre de 2013 chegaron 352 toneladas menos de residuos a Nostián que no mesmo período de 2012. A representación dos traballadores/as sinala que fronte a esta insignificante baixada, nese mesmo trimestre Albada facturou 61.452 euros máis, xa que o Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas pagan máis por cantos menos depósitos fagan e viceversa.

“Se hai perdas na empresa, estas non son en ningún caso imputábeis aos traballadores e traballadoras, senón a mala xestión por parte da dirección”, puntualizou Paulo Carril, ao tempo que lembraba que a empresa matriz da UTE, Urbaser, obtivo durante o ano pasado millonarios beneficios.