A CIG-Servizos reclama un acordo entre a Autoridade Portuaria e o Náutico de Vigo que garanta o emprego

Os delegados/as sindicais da CIG trasladaron a preocupación do persoal ante as negociacións do canon polo uso da lámina de auga
Os delegados/as da CIG no Real Club Náutico de Vigo trasladaron a preocupación do cadro de persoal ante as negociacións abertas entre a directiva da entidade e a Autoridade Portuaria para rebaixar o canon polo uso da lámina de auga. Dende a federación de Servizos da central nacionalista reclaman un acordo que permita manter a totalidade do emprego.
04/6/13.

A nova xunta directiva da entidade está a intentar que Portos lle rebaixe a cota que paga polo uso da lámina de auga ante as dificultades económicas que poñen en perigo a súa supervivencia e que xa motivaron o despedimento de traballadores/as hai pouco máis dun ano que foi contestado con protestas pola CIG. Isto espertou a inquedanza do cadro de persoal do Náutico, que amosou a súa preocupación a través dos representantes sindicais.

Diante disto, os delegados/as da CIG reclámanlle ás partes que asinen o antes posíbel un acordo que permita manter os 70 empregos directos actuais e os 40 indirectos. “Queremos que todo se arranxe canto antes porque están en xogo os nosos postos de traballo”, indica Santiago Sequeiros, representante da central nacionalista no Náutico.