Concentración diante da planta de Nostián contra os despedimentos e o desmantelamento do convenio

Albada despediu a oito traballadores/as en represalia pola negativa do Comité a asumir as rebaixas salariais e laborais
Traballadores e traballadoras de Albada realizaron este venres, durante dúas horas, unha concentración ás portas da planta de tratamento de residuos de Nostián para rexeitar os despedimentos aplicados pola empresa, tras da negativa do Comité a asumir a rebaixa salarial do 25% e o incremento da xornada semanal que a dirección quere impor na negociación do novo convenio colectivo.
07/6/13.

A proposta da empresa, que mantén unha actitude inmobilista e nin sequera tivo a ben estudar a plataforma presentada pola parte social, foi cualificada polo Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño de auténtico “escándalo”, pois suporía desmantelar todo o convenio colectivo.

Pola súa banda, a resposta da dirección á negativa do Comité á asumir estes recortes foi executar o despedimento de oito compañeiros/as. Neste senso, Vilariño explicou durante a protesta que os despedimentos son unha represalia por parte da empresa, “que tomou a oito traballadores/as como reféns para obrigarnos a asinar a proposta única que nos presentou”.

Dita proposta, subliñou, busca unha rebaixa salarial media do 25%, o cal suporía un recorte de 500 euros por traballador/a, “pasando así o persoal a cobrar menos de 1.000 euros ao mes”. Ademais, Albada quere incrementar a xornada semanal das 38.5 horas actuais a 42 horas, o que suporía, segundo os cálculos do Comité, o despedimento de 18 compañeiros/as, recortándose o actual cadro de persoal de 116 traballadores/as a 95-96 operarios/as.

Esta redución de persoal viríase engadir aos 15 empregos recortados pola empresa hai un ano e medio e ao grupo de traballadores/as despedidos dende o inicio das negociacións para o novo convenio.

Dende o Comité volveuse criticar a pasividade do Concello da Coruña –titular da contrata- e reiterouse a petición ao edil de Medio Ambiente para que intermedie no conflito. “Nós xa lle trasladamos ao concelleiro a nosa preocupación pola viabilidade da planta, porque sabemos que o único que pretende Albada é tirar abaixo o convenio colectivo na súa totalidade e despedir a unha gran parte dos traballadores/as”, subliñou.

A este respecto Vilariño destacou que os traballadores/as apostan polo proxecto Nostián, “que pode funcionar moito mellor. Por iso nos sorprende que este goberno municipal, que no seu día tanto criticou á xestión da planta, non estea a tomar ningunha iniciativa para mellorar o funcionamento da planta”, denunciou.

Detrás desta precarización, a representación do persoal entende que se atopa o interese de Albada por mudar o actual modelo de planta, converténdoa nunha planta de transferencia, co “silencio e complicidade do Concello”.