Tres persoas denuncian o propietario de Mariel Boutiques de Vigo por agresións e insultos

Dúas delas tiveron que ser atendidas en urxencias tras unha protesta autorizada fronte á casa do empresario
Tres traballadoras presentaron a última hora da tarde de onte unha denuncia na Policía española por insultos e agresións contra o propietario da cadea de tendas de roupa viguesa Mariel Boutiques. Dúas delas tiveron que ser atendidas en urxencias tras unha protesta autorizada diante da casa do empresario para reclamar o pago dos salarios e da indemnización que lle adebeda a unha empregada despedida.
07/6/13.

As agresións e os insultos tiveron lugar onte pola mañá fronte á vivenda do propietario de Mariel Boutiques, no camiño Sabaxáns, en Lavadores, preto do antiga estrada a Madrid, durante a concentración de protesta convocada pola CIG-Servizos de Vigo para reclamar o pago dos salarios e da indemnización pendentes tras o despedimento dunha empregada. Esta afectada foi precisamente a que presentou a denuncia por insultos contra o empresario, mentres que dúas compañeiras da central nacionalista que a acompañaban na protesta denunciárono por agresión.

Dende a federación de Servizos explican que o propietario da cadea de tendas de roupa comezou a increpar os participantes na mobilización, unhas 10 persoas, nada máis abandonar a vivenda no seu vehículo. “Entón baixouse do coche e achegouse até o grupo, para a continuación darlle un forte golpe a unha compañeira que a fixo caer de costas contra o chan”, indican. Despois subiuse de novo ao seu turismo e intentou fuxir a toda velocidade, empotrándose contra o vehículo no que chegaba outra das feridas para participar na protesta.

Como consecuencia, as afectadas tiveron que ser desprazadas en ambulancia a centros hospitalarios da cidade, onde foron atendidas de distintas lesións como contracturas cervicais e hematomas. Mais, segundo indican dende a CIG, as consecuencias puideron ser moito peores xa que o empresario estivo a piques de atropelar varias persoas na súa fuxida tras embestir o vehículo.

A central nacionalista convocará novas protestas -despois das celebradas anteriormente diante da tenda da rúa Salamanca e na vivenda particular- para denunciar a actitude violenta do propietario de Mariel Boutiques e reclamar o abono dos salarios e da indemnización por despido pendentes.