Desconvocan a folga da recollida do lixo de Nigrán tras un preacordo que mantén os salarios

A maioría do cadro de persoal aprobou suspender o paro indefinido previsto para o venres 14
No día de hoxe chegouse a un preacordo, avaliado pola maioría do persoal do servizo de recollida de lixo do Concello de Nigrán adscritos á empresa Cespa, polo que se desconvoca a folga indefinida prevista para este venres 14 de xuño en resposta á intención da compañía de aplicar durante a negociación do convenio o artigo 41 da nova reforma laboral e modificar substancialmente as condicións de traballo.
13/6/13.

Dende a CIG explican que Cespa pretendían cambiar o horario de traballo, aplicando o 10% de flexibilidade que marca a nova lei, o que faría que significaría traballar máis horas no verán e menos no inverno; tamén querían que se gozasen as vacacións fóra da época estival.

Despois da convocatoria os representantes sindicais mantiveron unha reunión cos responsábeis do Concello de Nigrán, que se desmarcaron do conflito alegando que non tiña nada que ver coa Administración local, asegurando incluso que contratarían unha empresa para recoller o lixo no caso de que se iniciase a folga.

Posteriormente a empresa Cespa mantivo nesta semana diferentes xuntanzas nas que puxo enriba da mesa diversas propostas que no día de hoxe se concretan do seguinte xeito:

-Retiran a modificación de xornada e o cambio de goce das vacacións.

-Incremento económico: 

2013: 0,5% en todos os conceptos (salario base, plus de produtividade, asistencia, e plus de transporte, tóxico e nocturno).

+100 euros anuais en produtividade.

+60 euros polo cambio de 15 días das vacacións fóra do verán ou de 120 euros polo cambio do mes completo fóra do verán.

2014: 0,6% en todos os conceptos (salario base, plus de produtividade, asistencia, e plus de transporte, tóxico e nocturno).

+100 euros anuais en produtividade

+60 euros polo cambio de 15 días das vacacións fóra do verán ou de 120 euros polo cambio do mes completo fora do verán. O devandito plus de produtividade engadirase ao plus xa existente.

-Un traballador máis con xornada a tempo completo.

-Un oficial máis.

-Cláusula de ultractividade.

-Compensacións sociais.

Dende a central nacionalista valoran positivamente o acordo "dado que non se modifica nada do anterior convenio colectivo e non se perde poder adquisitivo".