O Comité de Albada demanda ao edil de Medio Ambiente que actúe con responsabilidade

Ante as declaracións aparecidas na prensa local
Á vista das declaracións aparecidas na prensa este martes, nas que o Concelleiro de Medio Ambiente da Coruña recoñece e xustifica o despedimento de traballadores/as por parte de Albada na planta de Nostián, o Comité de empresa insta ao responsábel político, unha vez máis, para que intermedie diante da grave situación que se vive nestas instalacións e evite pronunciamentos atrevidos e que faltan á verdade.
18/6/13.

Por iso mesmo, solicítase do edil de Medio Ambiente que asuma as súas responsabilidades políticas e actúe como mediador, en lugar de posicionarse de maneira tan clara a favor da empresa, cando esta está vulnerando dereitos fundamentais dos seus traballadores e traballadoras e continúa na súa teima de desmantelar todo o convenio colectivo.

O Comité lembra que a día de hoxe a dirección aínda non entregou á parte social a documentación sobre a situación económica da empresa (contas de resultados e memoria) do pasado exercicio, tal e como obriga a lexislación vixente. De feito, a Inspección de Traballo requiriu a Albada por non cumprir a obriga de informar á parte social e agora vén e sancionar á empresa, por non cumprir tampouco a orde da propia Inspección.

Do mesmo xeito, aclarar que, pesar de que se rexistrou unha insignificante baixada de depósito de residuos no primeiro trimestre do ano de apenas 700 toneladas (escusa utilizada pola empresa e sorprendentemente respaldada polo edil coruñés), a empresa facturou case 100.000 euros máis que no mesmo período do ano anterior, xa que o Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas teñen que pagar máis por cantos menos depósitos realizan na planta.

Dende a representación do persoal denúnciase tamén que a empresa continúa sen querer negociar o novo convenio colectivo, manténdose nunha postura inmobilista e pechada na súa pretensión de aplicar rebaixas salariais e precarizar as condicións laborais, así como avanzar no recorte do actual cadro de persoal.

A este respecto, cómpre subliñar que neste momento a planta está baixo mínimos en canto ao número de traballadores/as, por mor dos despedimentos e o inicio do período de vacacións, pois non se cobren as ausencias. Dende o 1 de xaneiro hai 30 persoas menos traballando en Nostián, o que está a provocar unha redución drástica da reciclaxe e un incremento da saturación das instalacións.

Ademais, dende o Comité quérese aclarar que, ao contrario do que asegura o Concelleiro de Medio Ambiente na prensa, todos os traballadores/as despedidos/as (agás unha persoa) teñen recorrida a decisión da empresa.