As asembleas de traballadores/as do comercio vario da Coruña acordan ir á folga o día 1 de xullo

En contra do bloqueo da negociación do novo convenio e as pretensións da patronal de aplicar brutais recortes
Logo da ruptura das mesas de negociación polas pretensión da patronal de desmantelar todo o convenio colectivo aplicando un recorte brutal das condicións salariais e laborais, os traballadores e traballadoras do comercio vario da provincia da Coruña acordaron nas distintas asembleas celebradas ao longo das últimas semanas secundar unha xornada de folga o vindeiro luns 1 de xullo, coincidindo co inicio do período de rebaixas.
26/6/13.

A folga, que se desenvolverá durante todo o día, afecta a todo o comercio vario –téxtil, comercio de metal, de construción, ópticas, etc.- e a estabelecementos de grandes grupos como Inditex, Cortefield, Dielectro ou Kilovatio Galicia. Porén, non están afectados os grandes almacéns e as perfumerías, pois teñen convenios propios.

O responsábel de comercio da CIG-Servizos, Roberto Pérez, explica que o convenio caducou en xuño de 2011 e por mor da dilatación das negociacións, os traballadores/as do Grupo Inditex sufriron conxelación salarial durante 2012, a pesar dos enormes beneficios obtidos polo xigante do téxtil.

A este respecto, o sindicalista criticou as propias desavinzas entre a patronal, xa que a metade do empresariado non se presentou nas mesas de negociación, unha parte quérese escindir do convenio e a outra parte da patronal presentou dúas plataformas de convenio diferentes.

As propostas empresariais presentadas na mesa, denuncia Pérez, supoñen unha precarización radical das condicións laborais deste colectivo de traballadoras e traballadores.

Entre outras cuestións, a patronal pretende: unha redución do 10% dos salarios para os novos contratos durante os tres primeiros anos; desaparición da cláusula que garante as condicións máis beneficiosas que existen en moitas empresas; supresión da paga extraordinaria de marzo nas empresas que aleguen non ter beneficios (aínda que non especifican como se controlará esta circunstancia); desaparición de todas as categorías e mobilidade absoluta do persoal; diminución da porcentaxe obrigatoria de persoal indefinido; desaparición dos calendarios de traballo anuais por outros de carácter mensual co establecemento dun mínimo de xornada irregular anual do 15%; posibilidade de desprazamento obrigatorio até 50km; ou a retirada do complemento por IT.

Ante as pretensións do empresariado e á vista de que en poucas semanas o convenio perderá a súa vixencia (por mor da limitación da ultraactividade introducida coa reforma laboral), as asembleas de traballadoras e traballadores celebradas nas distintas cidades da provincia acordaron incrementar as medidas de presión e levar a cabo unha xornada de folga para o vindeiro 1 de xullo. Así mesmo,  non se descarta a convocatoria de novas mobilizacións, se a patronal continúa coa súa actitude e non atende ás reivindicacións do sector.