A folga do comercio vario da provincia da Coruña irrompe con forza no inicio das rebaixas

Na xornada de mañá os piquetes percorreron as zonas comerciais logrando feches e adhesións de traballadores/as á folga
Mais unha vez, as traballadoras/es do comercio vario da provincia da Coruña vense na obriga de exercer medidas presión para lograr o desbloqueo do convenio, paralizado desde hai meses por unha patronal que pretende brutais regresións das condicións laborais no sector. En Compostela e na Coruña, os piquetes informativos percorreron as principais áreas comerciais, conseguindo baleirar establecementos e que numerosas compañeiras do sector abandonasen os seus postos de traballo e se unisen á xornada de loita, como sucedeu na área "As Cancelas".
01/7/13.

A crise está a servir de coartada para a laminación das condicións laborais da clase traballadora, especialmente naquelas actividades máis proclives á precarización e á temporalidade como é o caso das suxeitas no convenio do comercio vario, que comprende téxtil, comercio de metal, de construción, ópticas e estabelecementos de grandes grupos como Inditex, Cortefield, Dielectro ou Kilovatio Galicia. Porén, non están afectados os grandes almacéns e as perfumerías, pois teñen convenios propios.

Aínda que o convenio neste sector expirou en 2011, a patronal veu desde entón bloqueando e dificultando as negociacións, mesmo apresentándose dividida, baixo diferentes plataformas, pero sempre con esixencias inasumíbeis para os sindicatos. Hoxe, co perigo inminente de ficaren sen convenio pola limitación da ultra-actividade que impuxo a reforma laboral do PP, loitan por un novo marco legal que non remate cos dereitos consolidados.

Roberto Pérez, responsábel do comercio na CIG-Servizos explica que este feito supuxo desde entón "a conxelación salarial" no grupo Inditex, o máis importante do sector, "a pesar de contar con cuantiosos beneficios", engade. Para Carme María Naveiro, da federación de servizos, a atitude da patronal supón "unha burla ás traballadoras/es", xa que "pretenden suprimir a paga extraordinaria de marzo" e "recortar o 100% a incapacidade temporal, chegando a descontar até un 40% do salario".

Outras das propostas regresivas son a redución do 10% dos salarios para os novos contratos durante os tres primeiros anos; desaparición da cláusula que garante as condicións máis beneficiosas que existen en moitas empresas; desaparición de todas as categorías e mobilidade absoluta do persoal; diminución da porcentaxe obrigatoria de persoal indefinido; desaparición dos calendarios de traballo anuais por outros de carácter mensual co establecemento dun mínimo de xornada irregular anual do 15%; posibilidade de desprazamento obrigatorio até 50km; ou a retirada do complemento por IT.

A folga foi só mais unha medida da presión, pero a loita continuará baixo outras fórmulas até que as demandas sexan atendidas, segundo a federación de servizos da CIG. Por iso, fan un chamado á clase traballadora a non se render e a organizarense coa nosa central sindical para embater os intereses do capital, que cada día amosa máis ás claras a súa nula vontade de acordar marcos básicos de entendemento, ademais de ser incapaz de superar as suas contradicións no marco da crise sistémica.