A CIG concéntrase nos Xulgados de Lugo en apoio aos 11 traballadores non subrogados por Prosetecnisa

O xuízo celébrase tras tres meses de loita, dous deles acampados diante de Santo Anxo, en Rábade, e diante do edificio da Xunta
A CIG-Servizos vén de se concentrar diante do Edificio dos Xulgados de Lugo e de asistir ao primeiro dos xuízos dos traballadores non subrogados por Prosetecnisa, para amosar o seu rexeitamento ao que considera un “atentado laboral” e apoiar aos 11 traballadores afectados. Á vista chégase tras tres meses de loita destes traballadores polo seu dereito de subrogación, dous deles acampados diante do Santo Anxo en Rábade e diante do edificio de Xunta en Lugo na caravana da CIG.
02/7/13.

Os traballadores prestaban os seus servizos nos centros de traballo Santo Anxo de Rábade, Residencia LUG-I e tamén en INGEMARGA. A CIG-Servizos de Lugo explica que de terse desenvolvido todo con normalidade terían cambiado de empresa o pasado día 31 de marzo.

Porén, a nova adxudicataria Protección y Seguridad Técnica S.A. (PROSETECNISA) negouse a cumprir coa súa obriga de subrogalos, segundo o Art 14.-A, do convenio,  malia seren sabedora a empresa da situación económica pola que pasaban, xa que levaban 5 meses sen cobrar na anterior, Sequor. “Tentou esganalos aínda máis  prorrogándolles esa situación, para que estes traballadores cederan ás súas pretensións, e asinaran un novo contrato, coa conseguinte perda de dereitos laborais, pluses de perigosidade, distancia, etc”, denuncian.

    Na concentración participaron moitos compañeiros/as de seguridade privada e do resto de federacións da CIG de Lugo que confían en que se faga xustiza.